A Xunta colaborará co concello de Leiro para mellorar o abastecemento de varios núcleos

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, na que lle trasladou a vontade da Xunta de colaborar na mellora do abastecemento de varios núcleos do municipio co fin de paliar os problemas de arsénico e asegurar a calidade da auga.

Durante o encontro celebrado en Santiago, Vázquez Mourelle confirmoulle ao rexedor que Augas de Galicia atenderá a solicitude municipal para desenvolver, a nivel construtivo, as actuacións necesarias para solucionar os problemas que xera o arsénico na auga e asegurar a calidade do abastecemento os veciños destes núcleos da parroquia de San Tomé de Serantes.

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta apoiará así ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais, redactando o proxecto construtivo de cara á mellora do sistema de abastecemento nos núcleos de Serantes, de Sa e de Paredes desde o depósito municipal de Lebosende.

Mellora da iluminación da ponte Esperela

Na reunión, a conselleira e o alcalde tamén abordaron a evolución dos traballos do proxecto de iluminación da ponte Esperela sobre o río Avia, situada no punto quilométrico 3+280, na estrada de titularidade autonómica OU-209, ao seu paso polo municipio. A Xunta contratou a redacción deste proxecto por algo máis de 18.000 euros.

Vázquez Mourelle informoulle dos avances nos traballos de análise e valoración da situación actual da ponte, así como do seu valor como elemento no entorno para o deseño das distintas actuacións de iluminación.

Segundo confirmou a titular de Infraestruturas, a previsión da Xunta é licitar as obras este ano, no marco do novo programa que o Goberno galego está a impulsar de posta en valor e mellora da iluminación de pontes, co que tamén vai actuar na ponte do Pedrido, sobre a ría de Betanzos, ou na Ponte Sampaio, no concello de Soutomaior.

Cómpre lembrar que a ponte Esperela ten 180 metros de lonxitude, un ancho de 6 metros nos estribos e 4,8 metros nos arcos. Está construída enteiramente con perpiaños de granito, consta de cinco arcos rebaixados e catro tallamares. A calzada ten unha rasante plana e os peitorís son de cantería maciza. As luces dos arcos son de 15 metros e as pilas teñen 2 metros de ancho.

A conselleira concretou que o proxecto que se está a redactar avaliará as diferentes alternativas de iluminación: taboleiro, petril, dovelas e laterais, intradós ou pilas, primando, en todo momento, a integración paisaxística da ponte na contorna.

Esta nova intervención do departamento que dirixe Ethel Vázquez dará continuidade aos traballos de acondicionamento xa realizados pola Xunta na ponte en 2020, dirixidos a favorecer a súa conservación e á mellora da súa imaxe. A actuación supuxo un investimento autonómico de preto de 30.000 euros.


VIDEO SPOT LEIRO en BADAL TV

CONCELLO DE LEIRO