A Xunta iniciou hoxe a obra de reforma do centro de saúde de Ribadavia

IES CHAMOSO LAMAS

Esta actuación xorde do compromiso adquirido polo Presidente da Xunta co alcalde de Ribadavia en setembro de 2020, recollido xa nos Orzamentos de 2021, e está enfocado a dotar ao inmoble de maior confort e eficiencia enerxética

A obra ten un importe final de adxudicación de 614.666,05 euros, e suporá unha rehabilitación e actualización da envolvente térmica do edificio, así como a substitución total da cuberta

HIPER MASIDE

Aproveitarase esta intervención para pintar o interior, para a limpeza e pintado da rampla de acceso e da marquesiña exterior, e para unha reforma integral dos aseos

Persoal técnico do Servizo Galego de Saúde vén de asinar, coa empresa construtora e representantes da administración municipal, a acta de replanteo que dá inicio á obra de reforma do centro de saúde de Ribadavia. Esta obra será executada pola empresa Construcciones Orega S.L. por un importe total de 614.666,05 euros, tras resultar adxudicataria dun proceso de licitación ao que concorreron outras catro ofertas, e dirixida polo arquitecto Henrique Ferro Cruz, adxudicatario do contrato de redacción do proxecto e dirección da obra.

A programación desta obra xorde do compromiso adquirido polo Presidente da Xunta de Galicia nunha xuntanza mantida en setembro de 2020 co entón alcalde de Ribadavia, ao que garantiu a dispoñibilidade de fondos nos Orzamentos da Xunta para 2021 para abordar esta reforma. Conforme a ese compromiso, a Xunta encargou a redacción dun proxecto que foi presentado polo conselleiro de Sanidade en febreiro de 2021.

A elaboración deste proxecto e a súa posterior supervisión polos servizos técnicos de obras do Sergas resultaron nun incremento do proxecto inicial, que naquel momento estimaba un investimento de 351.500 €, ata acadar un importe para a licitación da obra superior aos 600.000 euros. Esta licitación publicouse en xullo de 2021, abríndose unha concorrencia entre cinco ofertas que foi finalmente resolta coa formalización do contrato a finais do ano pasado.

O obxectivo principal da reforma que agora comeza no centro de saúde de Ribadavia é a rehabilitación e a actualización da envolvente térmica do edificio. Levarase a cabo un illamento térmico integral, instalando un sistema SATE que mellore a eficiencia enerxética do edificio.

Farase unha substitución total da cuberta, incluída a estrutura, substituíndo as chapas metálicas por paneis sándwich con illamento térmico no seu interior; e, tamén, os cerramentos verticais, polo que se cambiarán as carpinterías exteriores por unhas ventás con persianas e vidros dobres baixo emisivos e aplicarase un sistema de illamento térmico exterior.

Así mesmo, realizarase a substitución das lamas de protección solar por uns perfís de aluminio de sección elíptica, que permita unha maior visibilidade exterior sen reducir o control solar, e mantendo a imaxe horizontal do edificio.

Aproveitarase esta intervención para pintar o interior, para actuar na estrutura metálica da rampla de acceso, para a limpeza e pintado desta rampla e da marquesiña exterior e para unha reforma integral dos aseos das plantas baixa, primeira e segunda, xa que non había aseos accesibles.
A obra obxecto deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Con carácter previo a esta obra, e a través do investimento de máis de 8 millóns en equipamento efectuado polo Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, o centro de saúde de Ribadavia recibiu nos últimos anos diverso equipamento, entre o que destaca: tres hólters, un electrocardiógrafo, un desfibrilador e un espirómetro.
Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 96 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 2 obras que arestora están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que xa se iniciou as reforma de centro de saúde de Arnoia.
Para continuar con este esforzo, en outubro o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que contempla 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.

Na provincia de Ourense, este Plan recolle un novo Centro Integral de Saúde na cidade de Ourense cuxo proxecto construtivo vén de ser adxudicado e un novo centro de saúde en A Rúa cuxa redacción de proxecto está xa encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas e será licitada neste mesmo mes.

Por outra banda, na fase 1 do Plan contémplanse novos centros en Muíños, Boborás e O Carballiño mentres que na fase 2 proxéctanse a construción de novos centros en Allariz, Montederramo e o barrio de Mariñamansa na cidade de Ourense, así como a reforma do centro de saúde e PAC de Viana do Bolo.

Para iniciar eses proxectos e abordar a execución doutros xa en marcha, como a reforma do centro de saúde de Ribadavia, a Xunta de Galicia conta nos Orzamentos para 2022 con 34,3 millóns de euros para investimentos en atención primaria, a segunda maior partida dos últimos 16 anos, só superada pola de 2021 na que se incorporaba unha partida de 20 millóns de fondo covid destinada a obras menores para axustar circuítos e espazos á pandemia.