A Deputación asina convenios con 10 concellos para colaborar na dotación de servizos e infraestruturas, por un global de 445.000 euros

Manuel Baltar asinou cos alcaldes estes acordos de cooperación no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O presidente provincial subliña que estos marcos de colaboración “van destinados a obras necesarias, pedidas de xeito lexítimo polos gobernos das entidades locais e que son de interese para a súa veciñanza. E a Deputación, saneada e con débeda cero, achega os recursos suficientes para facer realidade estes proxectos”. 

A Deputación de Ourense achegará un total de 444.900 euros para cooperar na execución de infraestruturas e servizos en dez concellos da provincia, grazas aos convenios de colaboración asinados hoxe polo presidente, Manuel Baltar, e os representantes das entidades locais: Cristina Cid, alcaldesa de Allariz; Mario Rodríguez, alcalde de Esgos; María del Carmen Yáñez, de Lobios; Abel Blanco, tenente alcalde de Manzaneda; José Manuel Castro, alcalde dos Blancos; Aquilino Domínguez, de Parada de Sil; José Luis González, Piñor; Asunción Morgade, rexedora de Rairiz de Veiga; e Isabel Gil, de Ramirás. O presidente asinou tamén o convenio co Concello da Rúa.  

AVANTAR ACTIVIDADES

No Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde tivo lugar a sinatura dos documentos, Manuel Baltar cualificou este acto como “un exercicio de cooperación, que é a actividade fundamental que desenvolve a Deputación cos concellos da provincia”. Unha relación, engadiu, “que se manifesta no día de hoxe coa presenza destes representantes municipais, a reunión co alcalde de San Cibrao e o acto celebrado no mosteiro de Cea na compaña do alcalde de Cea, José Luis Valladares”. Os case 445.000 euros que recollen os convenios, sinalou o presidente provincial, “van destinados a obras necesarias que de modo lexítimo piden os gobernos democráticos destas entidades locais e que son de interese para a súa veciñanza, e a Deputación, saneada e con débeda cero, achega recursos suficientes para facer realidade estes proxectos”. 

Os documentos asinados hoxe axudarán ao financiamento da mellora da Casa do Concello de Allariz cunha achega de 50.000 euros; a dotación dunha nova biblioteca municipal e aula de infantil en Esgos con 48.000 euros; as obras do local social de Lobios con 40.000; o cofinanciamento con 57.900 euros de proxectos de eficiencia enerxética do IDAE en Manzaneda; a rehabilitación dun lavadoiro nos Blancos con 15.000 euros; o acondicionamento dun predio para aparcadoiro en Parada de Sil cunha axuda de 26.000 euros; a construción dun centro cultural en Piñor con 100.000; as beirarrúas de Sabariz, en Rairiz de Veiga con 30.000; o arranxo do tellado da antiga escola de Freás de Eiras en Ramirás, con 48.000 euros; e o cofinanciamento, xunto coa administración autonómica, da continuación dun vial no polígono industrial das Pedreiras, na Rúa, con 30.000 euros.   

Cooperación entre administracións para poder executar proxectos 

Tralo acto de sinatura, o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, cualificou estes convenios como “unha liña de traballo a seguir entre administracións, coa participación tamén da Xunta, pois sen estas axudas sería imposible levar a cabo unha infraestrutura vital para un concello turístico ao que chega moita xente en vehículos particulares”. 

Tamén se pronunciou sobre a achega da Deputación a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil, destacando que “nos vai permitir seguir recuperando unha antiga escola indiana, doada polas irmáns Yáñez, que acollerá unha sala cultural, un centro de día, o viveiro de empresas e un albergue para a brigada contra incendios”. 

“O Concello de Lobios poderá ofrecer un servizo máis á veciñanza”, destacou a alcaldesa, María del Carmen Yáñez, “pois con esta axuda, en colaboración coa Xunta, os maiores disporán dun local social, seguirán vivindo nas súas casas e no municipio e as familias terán un respiro”.  

Asunción Morgade, alcaldesa de Rairiz de Veiga, sinalou que “convenios como os que vimos de asinar son moi importantes para os pequenos concellos, pois grazas a esta colaboración podemos asumir iniciativas como, no noso caso, dotar de beirrarúas a Sabariz”.