Gabriel Alén salienta o investimento da xunta de 4,3 m€ na provincia de ourense a través do plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas

Na visita que realizou esta mañá ao concello de Montederramo

  • O delegado territorial sinalou que o obxectivo deste plan é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das principais vías de comunicación e doutras infraestruturas
  • O prazo para presentar as solicitudes de axuda remata o 25 de febreiro; e o prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á presente anualidade será o vindeiro 10 de setembro, mentres que o tope para o exercicio próximo será o 10 de xuño de 2023
  • Gabriel Alén supervisou os traballos de acondicionamento do camiño de Lagoa – Trulleiros ao que a Consellería do Medio Rural lle asignou 49.519 € repartidos en dúas anualidades (2021 -2022 ao 50%)

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, achegouse esta mañá ao concello de Montederramo para supervisar, en compañía do alcalde, Antonio Rodríguez, os traballos de acondicionamento do camiño de Lagoa – Trulleiros ao que a Consellería do Medio Rural lle asignou a través do Plan Marco da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural 49.519 € repartidos en dúas anualidades (2021 -2022 ao 50%).

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén aproveitou para destacar que os concellos da provincia ourensá recibirán este ano unha axuda total de preto de 4,3 millóns de euros a cargo deste Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas; un 26% máis que o consignado na pasada convocatoria, a de 2021-2022.

O delegado territorial sinalou que o obxectivo deste plan é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das principais vías de comunicación e doutras infraestruturas. Estes camiños facilitan o acceso ás 30.000 entidades de poboación de Galicia nas que se asentan as vivendas da poboación rural e supoñen as canles de entrada e saída das producións agrarias que precisan os negocios das respectivas contornas. Por iso, a Xunta quere promover con estas actuacións a accesibilidade e vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo ao contribuír á mellora da capacidade organizativa destas áreas rurais.

Para Gabriel Alén, a finalidade destas axudas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

Para chegar a cada un dos concellos da comunidade –explicou o delegado territorial-  establecéronse unha serie de criterios de distribución das asignacións económicas que foron previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse con base en indicadores obxectivos, a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa entre a totalidade de concellos. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie do concello, ao peso do agro no municipio e ao grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevese un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.

O prazo para presentar as solicitudes de axuda remata o 25 de febreiro; e o prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á presente anualidade será o vindeiro 10 de setembro, mentres que o tope para o exercicio próximo será o 10 de xuño de 2023.

Plan de Infraestruturas Rurais

Respecto do Plan de Infraestruturas Rurais, o delegado territorial lembrou, dada a importancia da agricultura e da gandaría deste concello do Macizo Central, a concesión de 48.000€ para o arranxo dun camiño rural preto do núcleo dos Abeledos, cunha lonxitude de 2.020 metros.