Rosendo Fernández participa en Córdoba no 25 aniversario da Federación de Asociacións e Municipios con Centrais Hidráulicas e Encoros

O vicepresidente da Deputación asistiu ás convocatorias da comisión executiva e do consello permanente, nas que se tratou a solicitude de fondos europeos para a promoción dos municipios con encoros, dentro do programa Experiencias Turismo España do goberno central 

Na capital andaluza rendeuse homenaxe aos expresidentes de Femembalses, entre os que se atopa un dos seus fundadores: José Luis Baltar. “Ogallá poidamos ofrecer tamén nós o legado de esforzo e traballo que nos deixou”, dixo Fernández ao recoller a placa conmemorativa do que fora presidente da Deputación. 

AVANTAR ACTIVIDADES

 O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe nos actos do 25 aniversario da Federación de Asociacións e Municipios con Centrais Hidráulicas e Encoros (Femembalses), celebrado en Córdoba coa convocatoria tamén de senllas reunións da comisión executiva e do consello permanente. Fernández acudiu ás dúas convocatorias en nome do presidente da Deputación, Manuel Baltar, que ocupa a vicepresidencia primeira da federación. 

Na orde do día e xunto coa aprobación dos orzamentos da entidade para o presente ano, a comisión executiva detallou a solicitude presentada en colaboración coa Asociación Nacional de Empresas de Turismo Activo (Aneta), para optar á convocatoria de fondos europeos destinados á promoción dos municipios con encoros, dentro do programa do Ministerio de Turismo Experiencias Turismo España. 

“O ecosistema turístico nos municipios con pantanos encaixa perfectamente nos criterios destas axudas, que permitirán impulsar economicamente zonas en declive demográfico”, sinalou Rosendo Fernández. Máis aló do ámbito enerxético, “onde estamos á cabeza das renovables en Galicia con 43 concellos con auga encorada”, o vicepresidente destacou a dinamización dos encoros como recurso turístico, “pois somos conscientes do seu potencial para desenvolver o territorio, potenciando instalacións e servizos cada vez mellores e de máis calidade, e acollendo probas deportivas nacionais e internacionais que nos están a converter en todo un referente”. 

Polo que respecta á reunión do consello permanente analizouse a repercusión do Manifesto sobre o futuro das concesións hidroeléctricas en España, documento ao que se adheriu a Deputación ourensá en febreiro de 2021 por acordo do pleno e no que, entre outras demandas, os concellos con encoros no seu territorio reivindican compensacións económicas e unha normativa específica que garanta a continuidade dos ingresos ao caducar as concesións. 

Co foco posto na diminución das reservas de auga, que nos encoros da provincia de Ourense alcanza o 48,35 % da capacidade total, “agora estamos a ver como a ausencia de precipitacións vese agravada polo irresponsable baleirado dos pantanos que fixeron as compañías hidroeléctricas no pasado verán”, advertiu Rosendo Fernández. Neste sentido, defendeu o protagonismo que deben ter os concellos na explotación dos recursos hídricos, apuntando que “nalgúns casos os tributos que pagan as compañías eléctricas supoñen o 50 % de todos os ingresos municipais”. 

Así, abordouse tamén o problema xerado polas concesións de aproveitamento hidroeléctrico que están chegando ao seu remate, situación á que cómpre dar unha resposta axeitada, advertiu Fernández, “para que na renovación os concellos podan conseguir unhas condicións máis vantaxosas”. 

Homenaxe a José Luis Baltar, expresidente de Femembalses  

Coincidindo co 25 aniversario e a dupla convocatoria dos órganos de goberno en Córdoba, esta tarde celebrouse unha homenaxe aos expresidentes de Femembalses, recoñecemento que tamén foi para o expresidente da Deputación de Ourense e un dos fundadores da federación, José Luis Baltar, “que xa na súa etapa á fronte da institución provincial foi quen de interpretar as consecuencias do impacto que os encoros tiñan nos municipios ourensáns e o futuro destas masas de auga, tanto polo peso que tiñan nas arcas dos concellos como polas súas posibilidades para ofrecer novas oportunidades de xeración de riqueza e emprego”, destacou Fernández. Ogallá, engadiu, “poidamos ofrecer tamén nós o legado de esforzo e traballo que nos deixou”.