Carmen Rodríguez Dacosta denuncia que Galicia se sitúa á cola da creación do emprego no Estado

IES CHAMOSO LAMAS

 A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta instou hoxe ao goberno galego a adoptar medidas axeitadas e eficaces para mudar a preocupante situación do mercado laboral galego. Trátase, tal e como reflicten os datos da última EPA e denuncian os sindicatos, dunha “desfeita insostible” na que Galicia se sitúa á cola do Estado na creación de emprego. De feito, a nosa Comunidade sitúase no posto 17 das 19 autonomías españolas.

Polo tanto, Rodríguez Dacosta alertou de que “a recuperación non está a chegar a todos e hai unha parte da sociedade que está a quedar á marxe”. “O desemprego e o emprego precario”, subliñou, “son un dos principais problemas da cidadanía galega”, pero “o goberno da Xunta non está a realizar unha política axeitada para cambiar este escenario”.

HIPER MASIDE

Ante esta situación, Carmen Rodríguez Dacosta imputoulle esta problemática ao presidente Feijoo pola ausencia de políticas de emprego dende o ano 2009 ata a actualidade. Esta carencia tradúcese nunha perda de 118.408 postos de traballo e unha perda do 9,9 do volume de traballo entre o último ano do goberno de Emilio Pérez Touriño e o ano 2021.

Neste escenario, a parlamentaria do PSdeG insistiu en que é imprescindible que a Xunta execute todos os orzamentos destinados á emprego. Así, cualificou de “insostible” que tanto no ano 2019 como no 2020 o goberno galego deixase sen executar un total de 135 millóns de euros. Esta cifra reflicte “a ineficaz xestión” do presidente Feijoo –“o gran xestor”, ironizou- e dá conta das políticas realmente efectuadas pola Consellería de Emprego e da súa falta de capacidade para dar resposta aos problemas acuciantes do mercado laboral galego.

Fronte a isto, Carmen Rodríguez Dacosta instou á Xunta a mirar cara o goberno do Estado e retomar o diálogo social coas organizacións sindicais e coa patronal na procura de acordos en materia de emprego, así como a que loite contra a precariedade laboral e impulse a creación de emprego. Tamén fixo fincapé na procura de solucións á fenda de xénero e salarial que sofre Galicia, onde as mulleres perciben case 5.000 euros menos ao ano que os homes. “Se non articulas as fórmulas axeitadas”, subliñou, “o fracaso será para os desempregados e desempregadas de Galicia, esa á que tanto quere Feijoo”, ironizou.

Nunha pregunta no Pleno do Parlamento á conselleira de Emprego, Carmen Rodríguez Dacosta lembrou que Galicia pechou o ano pasado creando unicamente 10.400 empregos máis que en 2020, unha porcentaxe do 0,96%, catro veces por debaixo do dato estatal, que se sitúa no 4,35%.

A maiores, o paro sube un 20% entre a mocidade e nas persoas maiores de 55 anos.

Na súa intervención, Carmen Rodríguez Dacosta alertou de que os datos “son realmente preocupantes” en relación aos parados de longa duración, xa que das 135.000 persoas en situación desemprego “case 60.000 levan mais dun ano nesta situación”, unha cifras que “están moi por enriba da situación prepandémica”.

A este escenario súmase o feito de que máis de 50.000 fogares con todos os activos en situación de desemprego, en 28.000 fogares non entran ingresos e a taxa de actividade é inferior en 6 puntos ao resto do estado. Tamén puxo de relevo “a precariedade no mercado laboral” nun contexto no que a cuarta parte da poboación asalariada ten un contrato temporal, “unha tendencia que está a mudar gracias a  reforma laboral aprobada polo goberno central”.