Presentación no museo etnolóxico de Ribadavia do libro “Dous libros do concello de Ribadavia (1524-1559): o reflexo da vida cotiá na vila”.

Foto Juanjo Álvarez

Este xoves á noitiña,tivo lugar no Museo Etnolóxico de Ribadavia da obra  Dous libros do Concello de Ribadavia (1524-1559): o reflexo da vida cotiá na vila, editado pola Xunta de Galicia. Este libro é froito do esforzado traballo que a doutora Ana Mª Gordín Veleiro realizou pra que, hoxe, a comunidade investigadora galega sempre tan necesitada de fontes históricas e demais persoas interesadas en descubrir este descoñecido século XVI, dispoñan dunha ferramenta fundamental.

AVANTAR ACTIVIDADES
Foto Juanjo Álvarez

A carballiñesa Ana Mª Gordín Veleiro é licenciada en Historia e Doutora pola Universidade de Vigo dende o ano 2015. Especialista en paleografía e no mundo medieval, forma parte da Sección de Historia do Centro de Estudios Chamoso Lamas sendo, ademais, unha gran coñecedora do noso Patrimonio.

O libro presentado consta de dous volumes, compostos por numerosos documentos daquela época, está ordenado perfectamente e numerado pra unha mellor comprensión e manexo; conta ademais cuns completos índices finais que facilitan a busca, tanto de persoas, materias e lugares e, sobre todo, sirve pra coñecer por vez primeira a importancia que a documentación municipal dunha vila do tamaño de Ribadavia naquel tempo, nun período de grandes cambios na administración local. Os rexestos documentais completan este agasallo que a historia deixou e que se atopa nos fondos depositados neste Museo procedentes do legado do notable historiador ribadaviense Rubén García Álvarez.

A vida dos habitantes da capital do Ribeiro nas súas facetas máis importantes (económicas, sociais, festivas, urbanísticas, xurídicas…) aparecen recollidas nas súas páxinas. As diversas Ordenanzas municipais, comercio do viño e demais alimentos, pesos e medidas e diversas anécdotas relativas a festas, completan esta obra.