A Fundación Expourense presenta os datos de 2019, 12 meses intensos que contribuíron a reforzar o papel de Expourense como centro de negocios internacional para as empresas galegas e como a gran referencia para o atletismo galego e do resto de España. Ademais, os eventos de carácter local, autonómico e nacional celebrados no recinto (o dobre que no ano anterior), comezan a situar a Ourense no mapa de cidades receptoras do turismo de negocios e reunións (sector MICE), máis alá das propias feiras.
VIDEO
Durante o 2019 Expourense celebrou 11 feiras, 2 das cales (Xantar e Termatalia) foron de carácter internacional o que supón que Expourense organizou a metade das citas internacionais celebradas en Galicia o ano pasado. As feiras, os 34 eventos organizados no recinto e as 14 competicións deportivas reuniron en total a máis de 113.000 visitas procedentes de 38 países. Estes datos constatan o papel de dinamizador do territorio e de referencia internacional que xogan as feiras e eventos organizados polo recinto.
Todos os certames contaron coa presenza de 956 expositores, unha cifra que se mantén con respecto a anos anteriores, o que indica o bo grao de fidelización e confianza das empresas e institucións polos proxectos levados a cabo por Expourense.
Estas cifras confirman a Expourense como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a enogastronomía, o turismo activo, a automoción ou a industria funeraria.
Por todo o anterior, as feiras e eventos promovidos por Expourense exerceron de axente dinamizador da actividade económica galega conseguindo ademais a involucración dos empresarios e fomentando o asociacionismo.
Feiras Internacionais
Expourense celebrou en 2019 dúas das súas feiras recoñecidas co Selo de Internacionalidade outorgado polo Goberno de España. A primeira delas foi Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que celebrou o seu vixésimo aniversario cunha edición que contou con Brasil como país convidado, cunha masiva presenza de expositores e visitantes do Norte de Portugal, con 12 países representados e cun programa de actividades que superou as 200 experiencias.
A outra gran cita internacional do ano foi Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, de Saúde e Benestar que se reafirmou unha vez máis como a gran cita mundial do turismo de saúde reunindo a profesionais de 34 países. Unha das novidades foi a celebración, de xeito paralelo e complementario de dous eventos internacionais incluídos na denominada “Semana Termatalia”: o Congreso Internacional de Termalismo 2021-2027 sobre termalismo e reto demográfico organizado polo proxecto “Raia Termal” que lidera a Deputación Provincial de Ourense e o III Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida liderado polo Campus da Auga da Universidade de Vigo-Campus de Ourense.
Calendario feiral
De carácter bienal, no 2019 celebrouse a oitava edición de Ourense Vinis Terrae, Salón dos Viños e Licores de Calidade de Galicia, que contou co decidido apoio da Deputación provincial de Ourense que se veu sumar ao que prestou da Consellería do Medio Rural a través da AGACAL. Ambas as dúas entidades facilitaron a participación neste centro de negocios internacional de pequenas adegas e colleiteiros. Os adegueiros mantiveron máis de 1.000 citas con compradores e importadores procedentes de 14 países.
Polo número de participantes, máis de 10.000, outra das grandes citas feirais do ano foi a terceira edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo. Foi o escenario elixido por 36 federacións e clubes deportivos para celebrar campionatos e torneos de carácter provincial e autonómico e que ofreceron un programa con máis de 60 actividades. Unha das novidades desta edición foi o uso da pista de atletismo coa que conta o recinto.
Pola súa parte, Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades, coorganizada coa Asociación “Memoria Antiga” de Ourense, celebrou no 2019 dúas edicións, nos meses de xuño e novembro congregando cada unha delas a 50 expositores de 4 países.
Tamén se celebrou unha nova edición de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, o único salón destas características en Galicia e que consegue a involucración activa de todos os axentes vencellados á prevención. Entre as novidades destacou o simulacro de evacuación do Pazo dos Deportes “Paco Paz”.
Expourense tamén organizou en 2019 citas orientadas ó público xeral de carácter comercial que convocaron a diferentes sectores, servindo de plataforma especialmente para o comercio local e contando co apoio de asociacións empresariais como é o caso de A.C.A.U.T.O. (Asociación de Concesionarios de Automóbiles de
Ourense). Con esta última, Expourense coorganizou no 2019: o 2º Car Outlet e a 11ª edición do Salón do Automóbil (Novo e de Ocasión). Foron tres citas que xeneraron un gran volume de negocio cun total de 569 vehículos vendidos.
No 2019 cumpriu a súa 20ª edición Celebra, Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais que volveu contar cunha pasarela de moda na que as empresas ourensáns mostraron a calidade e a innovación coa que traballan.
Eventos
As instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a organización de 34 eventos alleos ao calendario feiral do recinto, o dobre dos organizados no ano anterior.Estas citas indican que outras empresas confían nas infraestruturas, versatilidade e soporte de Expourense para organizar as súas actividades. O equipamento tecnolóxico deste recinto feiral na actualidade, sumado ás súas infraestruturas e instalacións, convértenno nun referente no sector MICE (organización de feiras, eventos, congresos e incentivos) de Galicia.
Entre os eventos celebrados en 2019 destacaron: os mítins e asembleas de distintos partidos políticos; a Convención Nacional de Empregados de Adolfo Domínguez; o 1º Escaparate do Comercio Ourensán; o Technium R Encounter; o Campionato Galego de Kickboxing; os concertos das Festas do Concello de Ourense ou a gala de entrega do IV Premios Paraugas da Comunicación ou o Marketing de Galicia.
Actividade deportiva
Dende finais do 2017, Expourense conta cunha pista de atletismo cuberta, unha das tres de España e unha das mellores de Europa. Durante o 2019, a pista acolleu a celebración de 14 probas deportivas organizadas a grande maioría delas pola Federación de Atletismo de Galicia coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte. Estas probas convocaron ó longo do ano a case 20.000 visitas, o que supón un importante pulo de atracción de deportistas á cidade. Entre as probas desputadas destacou o XXV Campionato de España Master.
Formación
No 2019, Expourense fixo un importante esforzo á hora de promover, organizar e acoller xornadas, cursos e seminarios de formación ou actualización profesional. Nas diversas convocatorias, ben complementando ás feiras ou de xeito individual, participaron máis de 551 relatores nacionais e internacionais. Foron seguidas por máis de 12.000 asistentes.
No eido da formación, a principal novidade do ano foi o 1º Congreso Ibérico de Turismo Deportivo, celebrado de xeito paralelo e complementario a Sportur Galicia. Contou coa participación dunha vintena de expertos de Galicia e Portugal e con 300 asistentes. Este Congreso estivo organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte, a Axencia Galega de Turismo, a Deputación Provincial de Ourense e Expourense e contou coa colaboración da Asociación do Deporte Español e da Concellería de Turismo de Ourense.
Entre as actividades de formación que xa teñen o seu oco no calendario da Fundación destacou a celebración do 7º Foro da Comunicación de Galicia que reuniu a 300 asistentes e o 13º Simposio Internacional sobre Enerxías Renovables que convocou a un cento de profesionais.
Promoción internacional de Galicia
No referente á actividade feiral de Expourense é preciso salientar a promoción realizada dos distintos salóns, e dos sectores vencellados a eles, durante todo o ano nunha vintena de exposicións que tiveron lugar noutros puntos de Galicia, España, Europa e América Latina. Citas como Xantar ou Termatalia estiveron presentes nas principais feiras internacionais vencelladas ó turismo (FITUR Madrid, BTL Lisboa, ITB Berlín, etc.) e nos foros profesionais máis importantes dos correspondentes sectores, proxectando polo tanto a “marca Galicia”. Para reforzar este labor, Expourense conta na actualidade cunha rede integrada por 30 delegacións que operan en máis de 50 países de catro continentes. A esta promoción hai que engadir ademais a promoción de Expourense como organizador de eventos en foros como na World Travel Market de Londres ou a IBTM de Barcelona.
Por outra parte, varias das accións promovidas por Expourense no 2019 tiveron o obxectivo principal de promocionar internacionalmente Galicia. Este foi o caso das Xornadas de Sustentabilidade no Camiño de Santiago – Vía da Prata, organizadas por Expourense dentro do programa “O Teu Xacobeo” impulsado pola Xunta de Galicia, e no que participaron 15 axencias de viaxes de España, Portugal, Reino Unido e Irlanda. Outra das accións foi “Un descanso nos Camiños”, un proxecto conxunto promovido por Expourense, a Asociación de Balnearios de Galicia, Grupo Caldaria e a Federación Provincial de Hostalería de Ourense que creou un “produto turístico-termal” que inclúe estancias nos balnearios galegos dos distintos Camiños de Santiago. Este programa foi presentado ao Concurso de Ideas promovido pola Agrupación industrial de Turismo de Galicia en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia.
Apoio a Autónomos e Microempresas
Durante o 2019, Expourense presentou de novo alternativas de apoio aos empresarios poñendo en marcha distintas accións destinadas a autónomos, microempresas e emprendedores que puideron beneficiarse de taxas bonificadas que lles permitiron contactar con novos clientes, e deste xeito fomentar o crecemento da súa empresa, tamén a nivel internacional. No pasado ano, Expourense colaborou con máis de 70 microempresas e autónomos e distintas asociacións empresariais ou de corte social.
Posta en valor da innovación e a calidade
A confluencia nas feiras e eventos celebrados en Expourense dos axentes públicos e privados implicados nos sectores económicos converten a estas citas no escenario axeitado para recoñecer publicamente a aposta pola innovación, a calidade e o emprendemento dos empresarios, traballadores e futuros profesionais.
Deste xeito, Expourense entregou no 2019 unha nova edición dos “Premios Xantar Internacional” e da Cata Internacional de Augas de Termatalia e organizou a I Extraordinaria de Ourense Vinis Terrae. Celebrouse ademais a 9ª edición dos Premios Líderes en Calidade, outorgados a seis entidades galegas que destacaron como base
da súa actividade a capacidade de adaptación ó novo contexto empresarial xurdido da conxuntura económica actual.
Labor Social
Expourense ten ademais como obxectivos a promoción de actividades e accións sociais e educativas, que se reflicten na colaboración con asociacións e organizacións que traballan a prol da sociedade, dende os máis diversos ámbitos. Expourense colabora activamente con entidades como o Banco de Alimentos de Ourense, Alcer, Asociación Diabética Auria, entre moitas outras.
Con todo isto, o obxectivo da Fundación Expourense é continuar a ser un eixo vertebrador no que empresas, colectivos e sociedade en xeral atopan o seu punto de encontro.
Patrocinadores
A memoria de actividades de Expourense de 2019 contou co apoio de destacadas firmas galegas con produtos e servizos especializados dirixidos a prestar soporte a outras entidades e tamén ó público final. Colaboraron con esta publicación: ABANCA, AENOR, Arcoba, Baygar Maquinaria, Dixital Gou, Elite Gallega, Eventos y Servicios Norte, Gesinre, Magistral Audio, Oficode, Renovables Maceda, Rodi Artes Gráficas, Toldos Ourense, Seguridad Japón, V&Q Reformas e Xeria.
Todos estes datos están recollidos na Memoria de Actividades de Expourense 2019 que pode consultarse na súa páxina web: https://expourense.org/docu/MEMORIA_EXPOURENSE_2019.pdf