O Bng de Ribadavia demanda axudas por concorrencia competitiva a prol das asociacións

IES CHAMOSO LAMAS

No Pleno do xoves 24 vaise tratar da aprobación dos orzamentos municipais para 2022.

O BNG propón unha moción para que o Concello de Ribadavia inclúa nos orzamentos partidas específicas para axudar á realización de actividades das asociacións e que o procedemento para a concesión das mesmas será o de concorrencia competitiva, conforme ás disposicións legais que o regulan.

HIPER MASIDE

É un deber institucional, comezando polo propio Concello, o apoio a estas entidades, tanto en medios materiais como en económicos e, de feito, son importantes as achegas que desde os orzamentos municipais se veñen prestando a distintas asociacións. Partindo do feito de que as asociacións van realizar actividades de utilidade pública ou interese social, a canalización destes recursos municipais debe de facerse do xeito máis eficaz e conforme ao marco legal que o regula.

Tanto do punto de vista legal como de participación democrática, o procedemento que debe ser o ordinario é o da convocatoria de subvencións por concorrencia competitiva. Deste xeito a posibilidade de acceder ás axudas públicas ábrese a todas as entidades e, conforme ás cláusulas establecidas na convocatoria, as cantidades asignadas a cada asociación serán máis acordes ao interese público do proxecto, a actividade ou a situación financiada.

Así, deberían incluírse partidas de apoio ás seguintes entidades:

– Culturais (actos culturais e festivos, escolas e actividades lúdicas…)

– Deportivas

– Sociais (entidades benéficas e de promoción social)

– Veciñais (traídas de augas, comunidades de montes, comisións de festas…)

MOCIÓN A PROL DA CREACIÓN DE SUBVENCIÓNS POR CONCORRENCIA COMPETITIVA A PROL DAS ENTIDADES ASOCIATIVAS DO CONCELLO DE RIBADAVIA.

Un dos maiores activos cos que conta Ribadavia é o seu tecido asociativo. O labor que no noso Concello realizan as entidades sociais, culturais, veciñais ou deportivas é fundamental, á vez que imposible de ser asumido polas administracións. Sen o traballo voluntario que realizan centos dos nosos veciños e veciñas non sería posible manter innumerables actividades sociais e benéficas, deportivas, culturais e festivas, de coidado do medio ambiente e o patrimonio, mesmo de prestación de servizos básicos.

      Por estes motivos propomos ao  Pleno do Concello de Ribadavia a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1. O Concello de Ribadavia creará nos seus orzamentos partidas específicas para axudar á realización dos proxectos e actividades que realizan as asociacións:

– Culturais (actos culturais e festivos, escolas e actividades lúdicas…)

– Deportivas

– Sociais (entidades benéficas e de promoción social)

– Veciñais (traídas de augas, comunidades de montes, comisións de festas…)

2. O procedemento para a concesión de ditas axudas públicas será o de concorrencia competitiva, conforme ás disposicións legais que o regulan.

3. O Concello de Ribadavia concederá subvencións nominativas aos colectivos e actividades que pola súa importancia social e continuidade histórica así se determinen.

4. A determinación de cales deben ser as bases e baremos que regularán as convocatorias de concorrencia competitiva, así como de cales deben ser as subvencións nominativas acadarase co maior consenso dos distintos grupos representados no Concello de Ribadavia.