O concelleiro socialista Xosé Rúas anuncia a súa candidatura á secretaría local do Psdeg-Psoe en Ourense

Rúas asegurou que desexa formar unha executiva local que reúna catro características básicas: xuventude, experiencia, talento e formación

O socialista salientou a súa vontade de sumar forzas arredor dun proxecto de talante integrador: “no PSdeG-PSOE de Ourense non sobra ninguén”

AVANTAR ACTIVIDADES

O concelleiro socialista Xosé Rúas vén de anunciar que concorrerá ás eleccións á secretaría local do PSdeG-PSOE en Ourense coa vocación de “xerar consensos e sumar forzas arredor dun proxecto compartido e de talante integrador”, para o cal asegurou que desexa formar unha executiva local que reúna catro características básicas: xuventude, experiencia, talento e formación.

Así o deu a coñecer aos medios nun café informativo en pleno corazón histórico da cidade, onde o socialista asegurou tomar esta decisión “coa responsabilidade e ilusión de continuar servindo, con lealdade, a unha formación política con preto de século e medio de historia e representando a gran marca que simboliza o PSdeG-PSOE, por enriba de calquera interés ou ambición persoal”.

“Levo días reuníndome e falando persoalmente con distintos grupos de militantes, coa intención de pulsar as opinións das compañeiras e compañeiros, e seguirei facéndoo nos próximos días”, adiantou. Neste sentido, o socialista salientou que agarda que a candidatura que encabeza acade, o vindeiro 6 de marzo, a confianza maioritaria das bases socialistas na cidade, para “seguir facendo músculo e un partido cada vez máis forte e unido en Ourense”.

Rúas tamén afirmou ser “un home de partido” que leva anos “traballando e apoiando a distintos candidatos a alcaldías e responsables do partido, na provincia en na cidade”, e que agora é el mesmo quen se decide a “dar o paso”.

“A miña disposición de cara a integrar as distintas sensibilidades dentro do partido é absoluta”, asegurou o candidato á secretaría local dos socialistas, quen engadiu que “no PSdeG-PSOE de Ourense non sobra ninguén e todas as compañeiras e compañeiros son necesarios para construír un proxecto común”.

“Ourense merece algo mellor”

A respecto da situación na que se atopa a cidade, o edil cualificou os últimos tres anos de Jácome na alcaldía de “auténtico mal soño e pesadelo”, ao tempo que fixo alusión á situación de inestabilidade que atravesa o bipartito PP-DO.

“Queda pouco máis dun ano de mandato antes das vindeiras eleccións e escasos meses para poder artellar unha moción de censura” lembrou Rúas, quen engadiu que os socialistas xa amosaron a súa capacidade de chegar a grandes acordos polo ben da cidade”, en alusión á residencia da fundación Amancio Ortega. Pola contra, sinalou, “Jácome xoga a rachar e rebentar o seu pacto co PP, non só no Concello, senón tamén na Deputación de Ourense”, polo que “chegou o momento de que no PP decidan, porque esta situación é insostible”, concluíu o concelleiro socialista.