Concerto de Sés, na Insua dos Poetas

O evento será este sábado, 15 de agosto, ás 20,30 h., na Insua dos Poetas, na Esgueva-Madarnás-O Carballiño, con entrada libre ata completar aforo.

A apertura das portas será ás 19,30 h., e só se poderá acceder con máscara e lavado de mans con xel hidroalcólico, que haberá nas dúas entradas habilitadas. Así mesmo, gardaranse todas as medidas de separación e seguridade preventivas según a normativa polo coronavirus.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ese concerto está organizado pola Fundación Ínsua dos Poetas e conta coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial de Ourense e do Concello do Carballiño.

SÉS é unha cantautora coruñesa de traxectoria ascendente e imparable que trala súa irrupción no mercado no ano 2011 está considerada pola prensa como “a revolución da escea musical galega”. Se algo podemos destacar de SÉS é a súa enorme carisma e forza persoal, xa de sobra demostrada en centos de concertos en moi diferentes escenarios, vila tras vila e cidade tras cidade. Pouco a pouco e gracias á transmisión boca-orella, a súa intensa personalidade e honestidade á hora de manifestarse, foi conquistando ao público cun caudal de enerxía que clama pola unión no cuestionamento do establecido.

O estilo de SÉS mistura coas doses exactas os ingredientes desa fórmula máxica que consiguen un resultado orixinal e xenuino: rock’n roll, tradición oral galega e certa cadencia da canción de autor latinoamericana con actitude punk, reinvindicación e manexo escénico cunha constante e permanente interlocución cos seus seguidores dentro e fóra dos escenarios.

O seu discurso valiente, novedoso, contundente e directo fan da figura de SÉS a voz de moitos, o altofalante certeiro que defende aquelo no que sería ideal crer.

SÉS é unha traballadora incansable que editou seis discos en oito anos, e que a levou a percorrer escenarios de toda a península e parte de Europa.

ÚLTIMO TRABALLO

SÉS presenta un novo traballo discográfico co que segue evolucionando o seu particular son que a consagrou no máis alto, e no que se inclúen unha escolma de cancións con letra e música composta pola propia cantora. Un sétimo disco que mantén e potencia a súa valente mensaxe, e no que percorre América de norte a sur, todo filtrado pola súa alma de cantareira.

SÉS ven de converterse nunha das artistas de maior éxito en Galiza polo seu carisma e discurso, así como pola forza e calidade das súas cancións, que sen dúbida levarana a conquistar outros territorios.

DÚO ACÚSTICO: MARÍA XOSÉ SILVAR “SÉS”, ca guitarra, a percusión e a voz e TITO CALVIÑO, cas guitarras.