As Cantigas de Afonso X chegan ao Teatro Principal da man do músico Pablo Sanmamed

A Deputación de Ourense colabora con este evento musical, Ben Vennas Maio, que funde música medieval e jazz  

A sala de prensa do Pazo Provincial, acolleu hoxe a presentación do espectáculo musical “Ben Vennas Maio”, un concerto sobre as Cantigas de Afonso X que mestura jazz e música medieval. Terá lugar o vindeiro 26 de xullo, ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Ourense. O acto de presentación contou coa participación do vicepresidente da Deputación César Fernández; o director musical do proxecto, Pablo Sanmamed, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Este espectáculo porá sobre o escenario unha conxunción de instrumentos de música antiga e moderna que se integran dun xeito harmónico a través dos arranxos musicais de Sanmamed, con instrumentos como o salterio e a viola de gamba nas súas afinacións habituais co piano, o contrabaixo e a batería. 

“A intención deste proxecto musical –explicou Pablo Sanmamed- é dar unha visión particular do cancioneiro de Alfonso X, tanto do cancioneiro sacro coma do profano. “Ben Vennas Maio” simboliza a chegada da lucidez, unha primavera que é motor de cambio e que anuncia o florecemento duns tempos novos”. Acompañan en escena a Pablo Sanmamed (contrabaixo): Iago Mourinho (piano), Chus Pazos (batería), Begoña Olavide (salterio e voz), Xurxo Varela (viola de gamba e voz); a profundidade literaria da escritora Alba Cid e a voz de Elena Tarrrats. A produción corre a cargo de aCentral Folque. 

César Fernández destacou “o reto e a delicada fusión entre música medieval e jazz que ofrece esta proposta musical, que á vez, é un excelente complemento para a exposición sobre Afonso X que está a exhibir o centro cultural “Marcos Valcárcel” ata mediados do vindeiro mes de agosto”, e lembrou que as entradas poden retirarse desde hoxe mesmo na plataforma Ataquilla. 

Finalmente, Gabriel Alén salientou “a excelente cooperación entre Xunta de Galicia e Deputación de Ourense, que fai posible a celebración deste concerto”, e remarcou a importancia de que pouco a pouco “se vaia recuperando a actividade cultural, mantendo todas as medidas de seguridade e protección ante a pandemia”.