Ordenanza de axuda económica para a atención de necesidades de emerxencia social relacionadas coa vivenda en Ribadavia

O Concello de Ribadavia publica – en cumprimento do que dispón o artigo 70.2 a Lei 7/1985 do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local-, o texto íntegro da seguinte ordenanza:
Ordenanza reguladora de axuda económica municipal para a atención de necesidades de emerxencia social relacionadas coa vivenda.

A dita ordenanza foi aprobada inicialmente polo Pleno da
Corporación na sesión do 29 de xullo de 2020 e expúxose ao
público mediante anuncio no taboleiro de edictos da
Corporación e no Boletín Oficial da Provincia n.º 178 do 5 de
agosto de 2020. Ao non se ter presentado alegacións, fica aprobada
definitivamente. O texto completo é como segue:

AVANTAR ACTIVIDADES

Ordenanza reguladora de axuda económica municipal para a
atención de necesidades de emerxencia social relacionada coa
vivenda
Exposición de motivos.
A competencia xenérica recoñecida no artigo 25 da Lei de
bases de réxime local aos concellos en materia de servizos
sociais, concretada e desenvolvida na Lei 13/2008, do 3 de
decembro, de servizos sociais de Galicia, a cal ademais de establecer
un principio xeral de coordinación coas entidades locais
nesta materia, regula no seu artigo 60 as competencias dos servizos
sociais comunitarios dos concellos.
Estas prestacións e axudas periódicas estarán destinadas a persoas
ou unidades de convivencia que se atopen nunha situación de
marxinación social e necesidade material de acordo cos baremos
obxectivos legal ou regulamentariamente establecidos. A presente
ordenanza vén a regular esta materia no ámbito do Concello de
Ribadavia, dotándoa dunha regulación clarificadora dos requisitos
e procedemento necesarios para as devanditas axudas.
En todo caso, a axuda concederase en función dos créditos
dispoñibles neste concello para estas prestacións. Polo tanto,
non bastará para recibir a axuda con que o interesado reúna os
requisitos e condicións anteriormente sinalados, senón que será
necesario, ademais, que a súa petición poida ser atendida
tendo en conta as dotacións orzamentarias existentes.
Artigo 1. Obxecto e definición.
O obxecto da presente ordenanza é a definición e regulación
dunha axuda municipal destinada á atención de necesidades
sociais vinculadas á vivenda habitual.
A axuda económica será de carácter non periódico para resolver
ou paliar, por si mesma, ou complementariamente con
outros recursos e prestacións, situacións de emerxencia social
co obxectivo de continuar habitando a vivenda habitual para
previr situacións de exclusión social e favorecer a plena integración
social dos sectores de poboación que carezan de recursos
económicos propios.
Artigo 2. Proceso de intervención social
2.1. Todas as axudas económicas que outorgue o Concello de
Ribadavia teñen que estar necesariamente encadradas nun proceso
de intervención social integral que inclúa unha análise
completa da situación individual e familiar.
2.2. A necesidade obxecto da axuda será valorada polos profesionais
da unidade de traballo social correspondente e integrada
nun proxecto de intervención social individual ou familiar.
Artigo 3. Beneficiarios
Persoas individuais, unidades de familia e/ou convivencia que
cumpran os requisitos propios desta axuda e que carezan de
recursos económicos para poder afrontar unha determinada
situación de emerxencia social relacionada co uso da vivenda
habitual por débedas de alugueiro ou hipoteca.
Artigo 4. Tipoloxía e contía das axudas
As axudas económicas municipais serán as seguintes:

  1. Axudas para alugueiro de vivenda habitual, cando existan
    garantías de continuidade nela.
  2. Axuda para o aboamento de créditos/recibos hipotecarios
    sempre que exista a garantía de que o pago solucione a reclamación
    e posibilite a continuidade do uso da vivenda habitual.
    A concesión desta axuda estará supeditada a que non se recibisen
    outras axudas públicas ou privadas, por este concepto
    durante os mesmos períodos de pagamento da débeda.
    As axudas económicas de emerxencia social, non superarán en
    ningún caso, catro mensualidades nos últimos 12 meses, ata un
    máximo de 800,00 euros/ano, por unidade familiar.
    Os arrendatarios con débedas de alugueiro ou hipoteca beneficiarios
    de esta axuda deberán delegar o pago ao arrendador
    ou entidade bancaria correspondente.
    Artigo 5. Requisitos dos solicitantes
    Os solicitantes das axudas deben cumprir cos seguintes requisitos:
    5.1. Ser maior de 18 anos ou estar emancipado legalmente ou,
    no seu lugar, ter iniciado o trámite legal de emancipación.
    5.2. Estar empadroado no Concello de Ribadavia cunha antelación
    mínima de 6 meses anteriores á solicitude.
    5.3. Aceptación expresa, por parte do usuario, das condicións
    que figuren no proxecto de intervención social e laboral individual
    ou familiar.
    5.4. Que o cómputo total dos ingresos mensuais rateados da
    unidade familiar de que forma parte o solicitante, non sexa
    superiores aos incluídos na seguinte táboa:
    Familia de 1 membro: 90% do IPREM: 484€
    Familia de 2 membros: 110% do IPREM: 590€
    Familia de 3 membros: 120% do IPREM: 644€
    Familia de 4 ou máis membros: 130% do IPREM: 698€
    Familias: monoparentais con menores, con dependentes e/ou
    discapacidade do 65%: 120% do IPREM: 644€
  • Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM): 537,84€.
    5.5. Que a contía do alugueiro sexa polo menos o 40% dos
    ingresos totais da unidade de convivencia.
    5.6. Non dispoñer de bens mobles ou inmobles, distintos á
    vivenda habitual, sobre os que posúa un dereito de propiedade,
    posesión, usufruto ou calquera outro que, polas súas características,
    valoración, posibilidade de explotación ou venda, indique
    a existencia de medios suficientes para atender a necesidade
    para a que se solicita a axuda.
    5.7. Non ter concedida outra axuda doutras administración
    públicas, ou recursos propios que cubran a necesidade para a
    que se solicita a prestación por este concepto durante o mesmo
    período de pagamento da débeda.
    5.8. Non ter solicitado ningún membro da unidade familiar,
    axuda económica municipal para o mesmo concepto nos 18
    meses inmediatamente anteriores.
    5.9. Non ter familiares de ata 3º grao de parentesco con posibilidade
    real de prestarlle axuda.
    Artigo 6. Documentación acreditativa
    A documentación que deberán presentar os solicitantes será a
    seguinte:
     Modelo de solicitude.
     Fotocopia do DNI, NIE ou pasaporte do solicitante e dos
    maiores de 16 anos da unidade familiar.
     Fotocopia do libro de familia ou equivalente.
     Sentenza de divorcio/separación, se procede, de percepción
    ou non de pensión de alimentos ou compensatoria.
     Fotocopia da tarxeta de desemprego ou mellora de emprego
    dos maiores de 16 anos.
     Certificado do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE)
    que acredite a percepción de subsidio por desemprego ou calquera
    prestación ou axuda de todos os membros maiores de 16
    anos da unidade familiar, ou se procede, certificado negativo.
     Certificado de pensións da Seguridade Social ou de calquera
    outra prestación pública de todos os membros maiores de 16
    anos.
     Contrato de traballo e das tres últimas nóminas dos maiores
    de 16 anos que desempeñen actividade laboral.
     Certificado da vida laboral dos membros maiores de 16 anos.
     Certificado do Rexistro da Propiedade de titularidade de
    bens inmobles.
     Contrato de alugueiro e/ou hipoteca e último recibo aboado.

Xustificante das débedas de alugueiro ou hipoteca.
Declaración xurada do propietario ou documento bancario
acreditativo.
 Declaración xurada de non existencia de familiares de ata 3º
grao de parentesco con posibilidade real de prestarlle axuda.
 Extracto de movementos das contas bancarias de todos os
membros da unidade familiar dos 12 meses anteriores a solicitude.
 Calquera outra documentación que para a correcta valoración
da súa solicitude lle poida ser requirida durante a súa tramitación.
O Departamento de Servizos Sociais comprobará de oficio no
padrón municipal os datos da persoa solicitante e das demais
persoas que con el ou ela convivan.
Aceptación do proxecto de intervención social individual e/ou
familiar por parte dos integrantes da unidade de convivencia
maiores de 16 anos.
En caso de concesión requirirase documento de delegación de
pago en favor de arredador ou entidade bancaria.
Artigo 7- Forma, lugar e prazo de presentación
7.1.- Forma: documento de solicitude e documentación solicitada
7.2.- Lugar: Departamento de Servizos Sociais do Concello de
Ribadavia.
7.2.- Prazo de presentación: poderase optar a estas axudas
durante todo o ano.
Artigo 8.- Instrución dos expedientes
8.1.- Os/as traballadores/as sociais do Departamento de
Servizos Sociais valorarán o expediente.
8.2.- Unha vez recibida a documentación requirirase, se é o
caso, ao interesado para que proceda á corrección de erros,
para a achega da documentación necesaria no prazo de 15 días,
comunicándolle que en caso contrario se lle terá por desistido
na súa petición, de conformidade co establecido no artigo 94
Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo
común das administracións públicas, arquivándose o expediente
sen máis trámite.
8.3.- Os/as traballadores/as sociais que instrúan o expediente
poderán dispor que se efectúen as comprobacións oportunas
sobre a veracidade dos datos achegados polos interesados.
Igualmente, poderán requirir a estes as aclaracións por escrito
e a documentación necesaria para poder resolver.
8.4.- Unha vez completado o expediente, emitirase o correspondente
informe social, no que se acredite a necesidade e/ou
urxencia da axuda e a proposta favorable ou denegatoria.
Artigo 9.- Resolución
9.1.- A resolución correspóndelle á Xunta de Goberno Local, que
deberá producirse no prazo máximo dun mes dende a data de
entrada da solicitude no rexistro do Concello de Ribadavia, sempre
e cando se dispoña de toda a documentación necesaria e recollida
nas bases para a resolución da solicitude no citado prazo.
A resolución debe especificar:
a) Se procede ou non a concesión da axuda e motivación
desta.
b) Tipo de axuda, contía e duración, se é o caso.
Artigo 10- Forma de conceder á axuda
10.1- A contía, finalidade e forma de pagamento das axudas
concedidas serán as que se determine na resolución.
Artigo 11- Notificación aos interesados
11.1.- A resolución adoptada será notificada aos interesados
no domicilio que para os efectos de notificacións figure no
expediente.
11.2.- Na notificación que se practique aos beneficiarios da
axuda indicaránselles de forma expresa, cales son as condicións
que ten que cumprir para facer efectivo o cobro da axuda.
11.3- Contra a resolución ditada poderanse interpoñer os
recursos pertinentes conforme á lei.
Artigo 12- Obrigacións dos beneficiarios
Os beneficiarios das axudas están obrigados a:
12.1- Comunicarlle ao Departamento de Servizos Sociais,
todas aquelas variacións na súa situación económica e sociofamiliar,
que poidan modificar as circunstancias que motivaron
a axuda.
12.2- Delegar o pago da axuda concedida ao arrendador ou
entidade bancaria correspondente.
12.3- Reintegrar os importes concedidos cando non se apliquen
para os fins para os que foron concedidos.
12.4- Cumprimento das condicións que figuren no proxecto de
intervención social individual ou familiar.
Artigo 13.- Causas de denegación
Poderán ser denegadas aquelas axudas nas que pese a cumprir
cos requisitos establecidos no artigo 5, poida concorrer algunha
das seguintes circunstancias:
13.1.- Que exista familiares ata 3º grao de parentesco con
posibilidade real de prestarlle axuda.
13.2.- Que non exista crédito suficiente para a atención da
solicitude.
13.3.- Que no prazo dos 18 meses anteriores á solicitude lle
fose concedida unha axuda por este concepto no propio concello
e/ou outras administracións públicas.
Artigo 14.- Revogación das axudas
14.1.- A falsidade ou ocultación de calquera dos datos declarados
poderá dar lugar á denegación da axuda, aínda cando se
reunisen os requisitos para a concesión.
14.2.- Logo de transcorrer un prazo de tres meses dende a
resolución de concesión, sen que o ingreso se puidese efectuar
por causas imputables ao interesado, poderase proceder á
revogación da axuda.
Artigo 15. Réxime de incompatibilidades
15.1.- As axudas previstas nesta ordenanza serán incompatibles
con calquera outra das concedidas por outras administracións
públicas polo mesmo ou similar concepto dentro do
mesmo período de débeda.
Disposicións adicionais
1ª. Determinación de rendas e ingresos.
Para os efectos previstos nesta ordenanza no cómputo de rendas
e/ou ingresos deberán entenderse como tales aqueles que
comprendan todos os recursos dos que dispón a persoa ou unidade
familiar, tales como salarios, pensións, prestacións, subsidios,
rendas procedentes de bens mobles ou inmobles ou calquera
outros.
2ª. Obrigatoriedade de participar en proxectos de inclusión
sociolaboral
A persoa solicitante e todos membros da unidade familiar
maiores de 16 anos, perceptores desta axuda, teñen a obrigatoriedade
de participar en calquera tipo de proxecto de inclusión
sociolaboral deste concello ou de calquera outra entidade
pública ou privada.
Disposición transitoria
As axudas que se atopen en trámite ou en fase de recursos,
no transcurso da resolución do expediente, poderanse suspender
a espera da resolución das outras administracións.
Disposición final
A presente ordenanza entrará en vigor unha vez transcorrido
o prazo de 15 días a que se refire o artigo 65.2 da Lei reguladora
das bases de réxime local, tras a publicación no Boletín
Oficial da Provincia de Ourense.
Ribadavia, 21 de setembro de 2020. O alcalde.
Asdo.: Cesar Manuel Fernández Gil.