O BNG de Celanova solicitará revisar o permiso municipal que consinte tapar a estatua de Curros en Celanova

  • s nacionalistas desenvolven unha campaña na vila para denunciar a agresión ao patrimonio, mentres o goberno local promove a instalación de máis carpas intentando agochar o grave erro.
  • O BNG dirixiuse ao hostaleiro afectado para explicarlle que a defensa da riqueza patrimonial de Celanova tamén contribúe a defender oportunidades para o sector Hostaleiro e o comercial.

Celanova, 27 de decembro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Celanova solicitará revisar os trámites municipais polos que o goberno de Celanova, a coalición de Antonio Puga+PSOE, concedeu a un local de ocio nocturno o permiso para cubrir a estatua de Curros Enríquez e parte dos xardíns de Curros Enríquez no casco histórico da vila, a carón mesmo do Mosteiro.

Malia ampla repercusión en redes e en medios de comunicación que tivo a alerta do BNG o pasado venres, o goberno Puga+PSOE optou por persistir nun erro que supón unha agresión sen precedente ao legado histórico cultural da vila. O BNG levou onte á denuncia ás rúas cun reparto de follas informativas no centro e unha acción reivindicando respecto para o patrimonio xunto as estatuas de Curros, Celso Emilio e Pepe Velo.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Un respecto para o Curros” é o lema da faixa que as nacionalistas despregaron a primeira hora da tarde para sinalar a deriva dun goberno local que renunciou a ordenar o uso do espazo público, deixando que cada quen faga o que lle pareza incapaz de conciliar intereses e ofrecer un norte.

O BNG falou co propio hostaleiro afectado e con outros hostaleiros, así como con comerciantes e veciñas, para explicarlle que a alerta lanzada non só é unha obriga de intervención política en defensa do patrimonio común, senón tamén unha contribución á defensa de oportunidades de negocio para os sectores hostaleiro e comercial que precisan dunha vila que coide e promova os seus tesouros monumentais e culturais cun uso respectuoso e intelixente dun espazo público privilexiado.

Mentres, o goberno local dedicou o día a visitar locais de hostalería para lles propoñer a instalación de novas carpas na rúa no que parece un intento infantil de agochar o erro de tapar un elemento patrimonial senlleiro enchendo Celanova de plásticos e lonas.

O BNG chama á veciñanza de Celanova e, en especial, ao tecido cultural de Celanova a participar na defensa do patrimonio común.

Finalmente, o BNG considera que se o hostaleiro afectado sofre algún prexuízo económico polo desleixo municipal en aplicación da normativa (e do sentido común) tería dereito á compensación correspondente por parte do Concello.