A Xunta louva a aposta da Ruta do Viño do Ribeiro pola recuperación da figura dos arrieiros

IES CHAMOSO LAMAS

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na estrea do documental “O Camiño do Viño. Historia dun arrieiro”, de Xoel Méndez, promovida en colaboración coa Xunta e a Denominación de Orixe do Ribeiro

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron na estrea do documental “O Camiño do Viño. Historia dun arrieiro”, promovida pola Ruta do Viño do Ribeiro e na que colabora o Goberno galego coa Denominación de Orixe Ribeiro co obxectivo de impulsar a recuperación da pegada histórica e etnográfica dos arrieiros que transportaban o viño do Ribeiro cara a Santiago.
O traballo audiovisual, obra de Xoel Méndez, enmárcase dentro das accións de promoción e posta en valor deste territorio e da súa oferta enoturística que a Ruta do Viño do Ribeiro impulsa dentro da súa marca enoturística “O Camiño do Viño. Ruta do Viño do Ribeiro”
Neste sentido, Nava Castro, destacou a colaboración estreita que a Xunta desenvolve coas cinco Rutas do Viño de Galicia, baixo o paraugas da iniciativa Enoturismo de Galicia, a través de cal se desenvolven accións de mellora da comercialización da oferta enoturística galega ou iniciativas como as Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, que o ano pasado moveron a máis de 2.000 persoas nestes territorios.
Castro destacou que o enoturismo é un “turismo dun alto valor engadido, que permite avanzar na desestacionalización e na loita contra o despoboamento destes territorios rurais que teñen na viticultura e do enoturismo unha potente ferramenta para o desenvolvemento dun tecido socioeconómico moderno, sustentable e con futuro”.

SPORTUR GALICIA 2022