A Xunta adxudica por máis de 215.000 € a urbanización do parque público de Outeiro Cruz no concello da Arnoia

Os traballos, que financiará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda nun 70% e o Concello no 30% restante, permitirán habilitar unha nova área de ocio e descanso para os veciños ao tempo que se facilita o acceso a unha zona moi transitada

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar por un importe de 215.085,57 euros, IVE incluído, as obras de urbanización dun novo parque público no lugar de Outeiro Cruz, no concello ourensán da Arnoia.

AVANTAR ACTIVIDADES

A actuación, cun prazo de execución previsto de cinco meses, enmárcase no convenio de colaboración asinado o pasado mes de setembro entre a conselleira, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Rodrigo Aparicio, no que ambas partes acordaron cofinanciar os traballos nun 70% e nun 30%, respectivamente.

O parque sobre o que se centrará a intervención ocupa unha parcela situada entre o adro da igrexa parroquial de San Salvador, o tanatorio, a estrada OU-402 e o centro de día. Trátase dunha zona moi visitada polo que, coa mellora prevista, se facilitará o acceso a estes servizos, ademais de proporcionar unha área de ocio e descanso a disposición da veciñanza.

Para logralo, o proxecto prevé a creación dun parque público con ramplas, novos pavimentos, axardinamento, mobiliario urbano e alumeado público, traballos para os que será necesario rozar, limpar e nivelar os terreos, ampliar a rampla que dá acceso ao centro de día e colocar pasamáns de aceiro inoxidable nas sendas peonís.

A actuación na Arnoia enmárcase nos obxectivos do chamado Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai xa 12 anos co fin de axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación ou mellora de equipamentos municipais e á humanización e urbanización de espazos e infraestruturas de uso público. Ese esforzo traduciuse ata o de agora nun investimento de preto de 150 millóns de euros por parte do Goberno galego, grazas aos cales xa se cofinanciaron case 320 actuacións.