Manuel Baltar compromete o apoio da Deputación a Queixumes dos Pinos para garantir o futuro do legado de José Antonio Viñas

Despois de reunirse con representantes desta asociación ourensá, o presidente provincial anunciou a próxima aprobación dunha axuda para blindar o traballo dunha agrupación caracterizada “pola vinculación coa nosa etnografía e coa investigación dos nosos costumes”

Engade Manuel Baltar que “no fío desta colaboración está a memoria de José Antonio e todo o que lle debemos polo seu traballo a prol da cultura de Ourense”

AVANTAR ACTIVIDADES

A Deputación de Ourense contribuirá á estabilidade e futuro da asociación cultural Queixumes dos Pinos para manter vivo o legado do seu fundador, José Antonio Viñas, falecido a finais do pasado ano. “Un dos grandes nomes da cultura popular ourensá, cuxo labor non pode quedar no esquecemento”, afirmou o presidente provincial, Manuel Baltar, tralo encontro que mantivo con María Rita Mira Doallo, representante e coordinadora técnica da asociación e nai de José Antonio Viñas, que estivo acompañada por membros da agrupación.

Manuel Baltar anunciou que na modificación de créditos que a Deputación aprobará en próximas semanas incluirase unha axuda destinada a Queixumes dos Pinos “para resolver cuestións relacionadas co funcionamento da asociación e darlle estabilidade a futuro”. O obxectivo, engadiu, é “garantir o traballo dunha agrupación que se ten caracterizado pola vinculación coa nosa etnografía e coa investigación dos nosos costumes, expresados culturalmente a través da danza pero tamén mediante outro tipo de manifestacións artísticas”.

Non obstante, subliñou, “no fío desta colaboración está a memoria de José Antonio e todo o que lle debemos polo seu traballo a prol da cultura de Ourense”. Nesta liña, dixo, “desde a Deputación comprometémonos a garantir a estabilidade de Queixumes dos Pinos, que é como dicir que mantemos a obra do seu fundador”.

Con este compromiso, a Deputación de Ourense consolida a colaboración que sempre mantivo coa asociación cultural Queixumes dos Pinos, que no presente ano cumprirá o 28 aniversario da súa creación. Neste tempo converteuse nun dos referentes da música popular galega grazas ao traballo do seu fundador, José Antonio Viñas, falecido o pasado 29 de decembro aos 44 anos. Director do grupo de danza da asociación e do Centro de Estudos Viñas, non só formou na música e danza populares a centos de rapazas e rapaces ourensáns, senón que o seu labor tamén foi recoñecido máis aló de Ourense e de España como  director de festivais e vicepresidente da Federación Internacional de Folklore (IGF).