O concello de Ribadavia desenvolverá un programa de actividades para conmemorar o día da muller

Os actos que se desenvolverán ao longo do mes de marzo e abordan diversas temáticas destacando o labor das mulleres en diferentes ámbitos da vida social e cultural do municipio.

Este ano a ONU apostou polo lema “Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible”, recoñecendo a contribución das mulleres e nenas de todo o mundo, que están liderando os esforzos de resposta, mitigación e adaptación á mudanza climática e construír un mundo máis sostible para todas as persoas. Conseguir unha igualdade real contribuirá a eliminar a violencia e a destrución ambiental onde as mulleres e as nenas sexan as protagonistas do cambio e recuperen os espazos de convivencia e respecto que lle son propios. 

Así, e co obxecto de poñer á fronte a labor das mulleres, o goberno municipal, promove diferentes actividades que darán comezo o 4 de marzo Faladoiro, a Endometriose a epidemia oculta que terá lugar no Clube Artístico ás 19:00h. e correrá a cargo da de Cristina Fernández Feijoo do Colectivo Querendo. Esta enfermidade afecta a un número importante de mulleres (10-15%) e condiciona a súa vida diaria.

PUBLICIDADE ELECTORAL

O día 8 de marzo, convocarase unha concentración ás 13H na praza Maior con motivo da conmemoración do Día da Muller.

O próximo xoves día 10 de marzo, ás 19:00h, no Clube Artístico, a Doutora Mercedes Hernández impartirá unha charla sobre o programa Salubrízate que ten como obxectivo promover hábitos de vida saudables.

O sábado 12 de marzo, na Igrexa da Madalena, a actividade: “Elas e os seus. Mulleres adegueiras e colleiteiras do Ribeiro”, onde coñeceremos da man das súas protagonistas o traballo e a dedicación de estas mulleres ao mundo do viño. O acto estará dirixido pola sumiller Mercedes González e contaremos coa presenza de:

  • Duvi González – Adega Canción de Elisa
  • Cristalina Álvarez  de Bodega Pazo do Mar
  • Dori Rodríguez de Adegas Celme
  • Iria Otero de Vinos Con memoria
  • Xulia  Banda de Son de arrieiro de Bodegas Son de Arrieiro
  • Maribel Gómez Soriano de Enoavia

No transcorrer do acto teremos a ocasión de coñecer e catar os viños que elaboran.

O obxecto deste desta actividade non é outro que otougarlle a visibilidade as mulleres que tiveron e teñen nesta denominación de orixe o firme compromiso coa produción de viños de calidade diferenciada.

Nos últimos anos, a presenza da muller no sector vinícola ven experimentando un forte aumento. Cada vez atopamos máis enólogas, xestoras de adegas, técnicas, emprendedoras que inician o seu propio negocio no sector enolóxico

Entendemos que o papel da muller neste sector, como noutros moitos, non ocupa o lugar destacado que se merece e que lle é propio. Está na nosa man e na de toda a sociedade traballar para visibilizar este esforzo que as mulleres enólogas, adegueiras, colleiteiras do Ribeiro veñen facendo durante anos e contribuíron a situar os viños do Ribeiro como uns dos mellores da península.

O sábado 26 de marzo, ás 18:30 horas, celebrarase a terceira edición da Homenaxe a Mulleres destacadas do Ribeiro, o acto que estará dirixido pola  Alcaldesa do Concello de Ribadavia, Noelia Rodríguez, ten como obxectivo poñer na primeira fila a mulleres de diferentes que destacaron en diferentes ámbitos da vida social, cultura, económica deste Concello.  

Nesta terceira edición, que se encadra nos actos de conmemoración do Día da Muller 2022, dáselle continuidade á idea de visibilizar a mulleres que contribuíron ao desenvolvemento social, económico e cultural desta Vila. Por esta razón, entendemos que é de xustiza social ofrecerlle un recoñecemento por toda a súa achega, consciente ou inconscientemente a rachar cos estereotipos de xénero da época en que lle tocou vivir.

Aínda que foron moitas as mulleres deste concello e desta comarca que son merecedoras deste recoñecemento, o noso obxectivo, neste sentido  é seguir descubrindo, pouco a pouco a cada unha delas, para que ningunha quede esquecida. Con esta proposta que vos presentamos, non imos a solucionar séculos de teitos de cristal, de desconsideración ou de ostracismo, pero si queremos contribuír a que este fenómeno se atenúe e situar o traballo destas mulleres no lugar que por dereito lle corresponde.

Parte do programa de actividades está financiado co fondo destinado ao Pacto de estado contra a violencia de xénero.

As actividades teñen aforo limitado polo que é recomendable a inscrición previa no seguinte correo electrónico: recursoseuropeos@ribadavia.es