A Igrexa da Madalena de Ribadavia acolleu esta mañá a presentación das ‘XVI Xornadas de Exaltación da Centola do Grove’, nun acto que contou coa participación do alcalde de Ribadavia, César Fernández; a vicepresidenta de Emgrobes, Esperanza Sanmartín; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos.
Durante a presentación, os rexedores de ambos os municipios puxeron en valor a estreita relación entre a gastronomía do mar e os viños do Ribeiro, destacando o viño desta denominación de orixe como a maridaxe perfecta para a centola, un dos produtos máis emblemáticos do Grove. No acto, Manuel Pardo sinalou que esta cita gastronómica, que conta co patrocíneo da Consellería do Mar coa colaboración de Turismo de Galicia, busca desestacionalizar o turismo, dinamizar a restauración e o comercio, e posicionar os produtos pesqueiros de alta calidade no mercado.
A Festa da Centola, que se celebrará do 26 de novembro ao 8 de decembro e cuxas xornadas gastronómicas están a ter lugar xa dende o pasado 9 de novembro; desvinculouse da Festa do Marisco do Grove hai 24 anos, debido a que a tempada deste apreciado crustáceo non comeza ata novembro, o que permitiu dedicar unha celebración propia ao que está considerado o marisco estrela da localidade.
Con este acto, Ribadavia volve converterse nun escaparate dos grandes produtos do mar galego no interior de Galicia. Hai apenas uns meses, a vila do Ribeiro xa fora o escenario elixido para presentar a Festa da Langosta da Guarda, reforzando agora ese vínculo entre a tradición mariñeira galega e o potencial gastronómico e vitivinícola do Ribeiro.

















