Deputación e Concello de Ourense enviarán axuda humanitaria para os refuxiados ucraínos

As administracións ourensás atenden ao requirimento do alcalde de Ladek-Zdrój, que solicitou axuda ao resto de integrantes da EHTTA para atender as mulleres, nenos e persoas maiores que están chegando a esta cidade polaca

A Deputación e o Concello de Ourense enviarán axuda humanitaria para os refuxiados ucraínos que están chegando a Polonia ante os ataques do exército ruso. As administracións ourensás atenden deste xeito á petición do alcalde da cidade polaca de Ladek-Zdroj, Roman Kaczmarczyk, que solicitou material humanitario aos integrantes da European Historic Thermal Towns Association (EHTTA) -asociación europea de cidades históricas termais- para os refuxiados -principalmente mulleres con nenos e persoas maiores- que están chegando a esta urbe, situada no suroeste do país. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Na circular enviada ao medio centenar de municipios integrados na EHTTA, de 18 nacionalidades diferentes, Roman Kaczmarczyk solicita mantas, toallas, sacos de durmir, material hixiénico, alimentos non perecedoiros ou material escolar e xoguetes para os cativos.