No marco do 8 de marzo, a Deputación celebra o foro “Emprendedoras, en feminino” e edita o cómic “Mulleres en acción”

IES CHAMOSO LAMAS

A xornada no Centro Cultural Marcos Valcárcel contará con conferencias de expertas no eido empresarial e unha mesa redonda, protagonizada por mulleres emprendedoras no rural, a presidenta da CEO e María del Carmen Canal, que será homenaxeada pola súa traxectoria pioneira

A deputada Luz Doporto reivindica o papel das administracións públicas: “É clave reivindicar a igualdade en todos os ámbitos, e visibilizar as mulleres que romperon teitos de cristal”

HIPER MASIDE

“Mulleres en acción”, dirixido pola profesora Elena Rivo, busca fomentar o emprendemento feminino a través da banda deseñada dentro dun amplo proxecto liderado pola Universidade de Vigo con financiación europea

O foro “Emprendedoras, en feminino” e a edición do cómic “Mulleres en acción” son dúas das actividades organizadas pola Deputación de Ourense no marco do 8 de marzo, Día da Muller. A deputada de Igualdade, Luz Doporto, sinala a importancia do traballo das administracións públicas para avanzar na igualdade: “É clave, máis aínda nun día tan importante como o 8 de marzo. Debemos reivindicar a igualdade en todos os ámbitos e visibilizar ás mulleres que romperon teitos de cristal e que poidan ser exemplo”. 

A xornada “Emprendedoras, en feminino” celebrarase este martes, 8 de marzo, a partir das 17.30 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel. “Pretende poñer en valor ás mulleres ourensás que decidiron emprender e axudar, a todas as que pensan facelo. Para o emprendemento feminino e moi importante visibilizar ás emprendedoras, con traxectoria destacada neste eido”, avanza Luz Doporto, que sinala o seu “orgullo por formar parte desta iniciativa da Deputación de Ourense, visibilizando e poñendo en valor o emprendemento en feminino”. 

A propia Luz Doporto abrirá o foro no Marcos Valcárcel. Despois da proxección do vídeo “Emprendedoras de Ourense”, a profesora de Organización de Empresas da UNED, Marta Solórzano, impartirá unha conferencia sobre a “empresa social no ámbito rural: mecanismos de innovación para mellorar a vida das persoas ante o reto demográfico”. 

Avanza a deputada que, nesta edición, será homenaxeada María del Carmen Canal, fundadora e conselleira delegada de Aceites Abril. “Unha verdadeira pioneira neste eido”. Doporto moderará ás 18,30 horas do martes unha mesa redonda na que estará Canal, a presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense, Marisol Nóvoa, e outras catro mulleres emprendedoras no rural: Inés Rodríguez, fundadora de Rir&Co, en Allariz; Araceli Macías, fundadora da Cooperativa Outonía, en A Veiga; Ana Álvarez, de Fabricación Cosmética Natural, en Sarreaus e Leticia Rodríguez, arquitecta de RDL Estudio, en Ribadavia. 

As 19,00 horas, María García Trincado, responsable da Área de emprendimiento na Fundación E.U. de Relacións Laborais de A Coruña, protagonizará a conferencia de clausura das xornadas. Trincado é unha conferenciante, “neuro-coach” executiva e adestradora de profesionais e equipos en alto rendemento. Pechará o acto o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, despois da entrega dun recoñecemento pola súa traxectoria profesional a María del Carmen Canal. 

A deputada de Igualdade, Luz Doporto, aposta pola continuidade do encontro “Emprendedoras, en feminino”: “Estas xornadas queren ser un evento de referencia, que homenaxee cada ano ás mulleres cun papel destacada, como xa fixemos en outras ocasións coas mulleres pioneiras”. 

Publicación do cómic “Mulleres en acción”

No contexto do 8 de marzo, a Deputación de Ourense participa na edición do cómic “Mulleres en acción”. Esta publicación é unha das actividades englobadas nunha iniciativa que parte da Universidade de Vigo e está liderada polo grupo de investigación Governance and Economic Research (GEN), no marco do proxecto europeo Women Entrepreneurs in Action WE’RE IN -Mulleres Emprendedoras en Acción-. O proxecto, liderado en España pola profesora Elena Rivo e que tamén sumou o apoio da Xunta de Galicia, contou con financiamento da Comisión Europea dentro do programa de Alianzas Estratéxicas Erasmus + para a educación e formación profesional. As prioridades do proxecto, segundo a Uvigo, son “animar ás mulleres á creación de empresas e a desenvolver as competencias de emprendemento”. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, encontrouse este venres coa profesora Elena Rivo, xunto ao presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez, unha asociación empresarial sen ánimo de lucro que actualmente desenrola proxectos en clave feminino, como o enfocado no eido rural.