A Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia acollerá este venres 12 de setembro, de 17,00 a 20,00 horas, unha actividade singular que combina ciencia, historia e creatividade: un obradoiro de cerámica prehistórica vencellado ao proxecto de investigación internacional XSCAPE – Material Minds, liderado polo CSIC.
O encontro, de carácter gratuíto e con prazas limitadas a 15 participantes, ofrecerá a posibilidade de experimentar en primeira persoa como os obxectos que empregamos a diario inflúen na nosa forma de percibir o mundo e mesmo de pensar. A actividade inclúe a reprodución práctica dunha peza cerámica prehistórica e unha proba experimental na que, a través de imaxes e obxectos arqueolóxicos, os investigadores analizarán cos participantes como procesamos a información visual mediante tecnoloxías de seguimento ocular.
O proxecto XSCAPE busca comprobar como a cultura material –desde a cerámica ata os teléfonos intelixentes– pode modificar os patróns de atención e comportamento humano. Nesta ocasión, Ribadavia súmase como escenario de participación cidadá nun estudo que combina arqueoloxía, neurociencia e ciencia cognitiva, cunha metodoloxía innovadora que xa está a xerar resultados de interese internacional.
A actividade está dirixida a todo o público, aínda que se priorizarán as inscricións de persoas maiores de 50 anos, co obxectivo de garantir unha diversidade xeracional que enriqueza a investigación.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico ribadavia.rbgalicia@eidolocal.es ou chamando ao teléfono 988 471 900.

















