Natalia González presenta candidatura á Secretaría Xeral da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense

IES CHAMOSO LAMAS

CARTA Á MILITANCIA

Querida compañeira, querido compañeiro:

HIPER MASIDE

Despois de 17 anos militando na agrupación local do PSdeG-PSOE de Ourense, no día de hoxe, tomo a decisión de dar un paso adiante e presentar a miña candidatura á secretaría xeral da nosa Agrupación xunto a un equipo de persoas traballadoras, comprometidas, con moita ilusión e dispostas a deixarse a pel para dirixir a agrupación local os vindeiros 4 anos.
A miña traxectoria orgánica, profesional e persoal é coñecida por todos vós: participei, con distintas responsabilidades, nas 3 últimas comisións executivas municipais do PSdeG-PSOE de Ourense, formei parte do gabinete institucional do Grupo Municipal Socialista no Concello de Ourense nos 3 últimos mandatos e, na actualidade, son concelleira e vicevoceira do Grupo Municipal nesta institución.
Entendo a política e o partido como unha ferramenta imprescindible para transformar a
realidade. Son firme defensora do traballo en equipo, da participación activa da militancia e do traballo na rúa e nas propias institucións. Quenes me coñecedes tamén sabedes que son unha persoa de valores e principios; con criterio propio, disposta sempre a axudar, a traballar, a escoitar e a aprender dende a humildade e a responsabilidade.
O modelo de partido que reivindico é o que aposta pola participación da militancia. O que
aposta por que as mulleres e a xente moza teñan un papel esencial dentro e fóra do partido, e cun obxectivo claro: o de ser consciente de que os problemas importantes están na rúa e que hai que conformar os mellores equipos posibles para ser creíbles dentro e fóra, e poder así ser útiles aos nosos veciños e veciñas.
Dou este paso, tamén, polo momento clave que vivimos en Ourense. A un ano das eleccións municipais de 2023 temos que ter definido canto antes o noso proxecto de cidade para os próximos anos e rematar os procesos internos para ofrecer unha alternativa seria, competente e potente, porque Ourense está a agardar polo PSOE e necesítanos canto antes e máis que nunca. Temos que comezar a falar de futuro e este futuro para Ourense só ten un camiño: un novo goberno de esquerdas.
Despois de máis de 2 anos de xestora na agrupación, temos por diante un gran reto: abrir unha nova etapa, pasar páxina canto antes e traballar con compromiso e lealdade tanto coa dirección provincial como coa autonómica, porque ese é o único camiño para acadar os obxectivos colectivos, que son os realmente importantes.
Considero que é o momento de abandonar os discursos baleiros para facer política de verdade, política útil, a que se alonxa dos xogos de tronos e se achega aos problemas reais das persoas.
Interiorizar que as primarias e as eleccións orgánicas son un proceso de participación libre e democrática e non un proceso de división. Un proceso que debe fortalecernos, porque a dirección que saia do próximo sábado contará co apoio do máis importante deste partido, a súa militancia.
Por iso, entendín que a mellor “integración” que se pode facer é abrir esta candidatura a
todos e todas os compañeiros e compañeiras que queiran sumar e construír, e que
ti, co teu voto, poidas decidir o futuro que queres para o PSdeG-PSOE de Ourense e
para a túa cidade, respectando, sexa cal sexa, a túa decisión e a do conxunto da militancia.
Pídoche que participes o vindeiro sábado na elección da futura dirección do partido na cidade, porque a militancia é quen decide e constrúe o noso partido, e pídoche con toda a humildade, pero con todas as ganas de dar o mellor de min, o teu apoio para a candidatura que encabezo.