A secretaría provincial de migracións informa de que os retornados de Alemaña poden solicitar a prestación por dependencia nas consellerías de traballo alemás

O secretario provincial da área de emigracións, Luís Gulín Iglesias, destaca que este servizo “é só para aqueles emigrantes que perciban unicamente a pensión alemá e ningunha prestación española”

Para máis información, tamén se pode solicitar á área de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense que proximamente iniciará unha campaña informativa polas distintas cabeceiras comarcais da provincia

AVANTAR ACTIVIDADES

A secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense acaba de recibir información oficial por parte da Consellería de Traballo da embaixada de España en Berlín, na que lles trasladan que os emigrantes retornados de Alemaña poden tramitar nas antigas oficinas socio laborais dos consulados, agora coñecidas como consellerías de traballo, os documentos para solicitar a prestación por dependencia.

O secretario provincial da área de emigracións, Luís Gulín Iglesias, destaca que este servizo “é só para aqueles emigrantes que perciban unicamente a pensión alemá e ningunha prestación española, dado que na pensión xermana descóntase mes a mes un 11% en concepto de seguro médico e seguro de dependencia”.

Para realizar o trámite pertinente e poder optar a esta axuda económica da lei de dependencia xermana, o coñecido como Pflegegeld, Gulín explica que os consulados en Alemaña “prestan o apoio técnico e o asesoramento ante os organismos pagadores, os famosos Krankenkassen”. Os retornados que estean interesados nese servizo deben dirixirse aos consulados da súa antiga demarcación en Alemaña: Hamburgo, Dusseldorf, Francfort, Munich, Stuttgart e Berlin.

Esta orientación e información tamén se pode solicitar á área de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense que proximamente “iniciará unha campaña informativa, en cooperación coa Asociación de Emigrantes Retornados en Ourense, polas distintas cabeceiras comarcais da provincia dirixida aos emigrantes retornados de Alemaña”, afirma Luís Gulín. Nestes encontros explicaranse os trámites a realizar, documentación a presentar e as diferenzas coa prestación española de dependencia.