González Casares reclama ambición e consenso para un despregamento renovable que evite unha dependencia enerxética externa

O poñente socialista na Revisión da Directiva Europea de Enerxías Renovables urxe un
pulo ás enerxías renovables ante a invasión rusa de Ucraína

No marco das consultas que se están a realizar de cara á Revisión da Directiva
Europea de Enerxías Renovables, o poñente do Grupo dos Socialistas e Demócratas,
Nicolás González Casares, volve incidir na necesidade de impulsar a enerxía de fontes
renovables. Un pulo que cómpre axilizar dada a situación actual ante a invasión rusa
de Ucraína e a forte dependencia enerxética que ten Europa de Rusia. Apostar polas
renovables é apostar pola “independencia enerxética e uns prezos da enerxía máis
alcanzables”, defendeu González ante a Comisión de Enerxía e Industria do Parlamento
Europeo

AVANTAR ACTIVIDADES

A Directiva Europea de Enerxía Renovables é crucial para descarbonizar o sistema
enerxético, reducir a dependencia dos combustibles fósiles e lograr maior seguridade
enerxética. Na recente reunión da Comisión, o poñente socialista mostrou a súa
preocupación por impulsar fontes verdadeiramente renovables e referiuse á inclusión
do hidróxeno baixo en carbono, que inclúe hidróxeno de gas fósil, como “un mal sinal”,
ademais de pola súa natureza, pola posible “axuda” que podería supoñer para Rusia

Nicolás González puxo enriba da mesa como obxectivo base aumentar ata o 45% as
enerxías renovables na Unión Europea. O contexto de guerra en Ucraína obriga a
“facer un esforzo extra para despregar as enerxías renovables”. Así tamén, marcou
como obxectivos sectoriais: o incremento das renovables en 1,1 puntos porcentuais
para a industria e centrar as actuacións no eido da calefacción e a refrixeración no
impulso das bombas de calor ou o biometano para alcanzar a implantación deste tipo
de enerxías nun 45% tamén.
Cos ollos postos nese necesario aumento das enerxías renovables, González Casares
fixo fincapé no deber de simplificar a concesión de permisos para a súa posta en
marcha coa aceptación social. “Debemos ter coidado ao considerar a posibilidade de
proxectos renovables como de interese público”, apuntou. Respecto a axilizar o
proceso, o eurodeputado avogou por incorporar un novo artigo na Directiva Europea
de Enerxía Renovables para desenvolver un mapeo e unha planificación integrada para
o despregamento de recursos de enerxía renovable.

Doutra banda, sobre os criterios de xestión forestal, Nicolás González solicitou que se
orienten a garantir a prevención de incendios forestais. Así tamén, presentou emendas
para promover as tecnoloxías de xeración de enerxía renovable máis sostibles
mediante a avaliación da pegada de carbono incorporada dos proxectos, por exemplo,
e mostrou o seu apoio ao fomento do hidróxeno verde sempre e cando se enfoque a
aqueles usos con maiores dificultades para ser electrificados