Gabriel Alén trasládalle ao alcalde de Vilar de Barrio un convenio para a mellora integral do centro de saúde

  • O delegado territorial explicou que o proxecto suma un orzamento de 8.900 euros que sería financiado a partes iguais pola Xunta e polo Concello ao tratarse dun edificio de titularidade municipal
  • A Xunta de Galicia foi a encargada de realizar o informe da situación actual do edificio e elaborou a proposta de acordo para executar as obras

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,  reuniuse esta mañá na Delegación Territorial co alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde, para presentarlle unha proposta de convenio que permitiría levar a cabo unha serie de melloras do centro de saúde do concello.

O orzamento previsto é de 8.900 euros, financiado a partes iguais pola Xunta e polo Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal.

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta de Galicia foi a encargada de realizar os informes da situación actual do edificio e elaborou a proposta de convenio que hoxe se lle presentou ao alcalde. Desde o Goberno galego levaríanse a cabo as obras de forma coordinada para non interromper a prestación sanitaria durante o desenvolvemento das mesmas, garantindo en todo momento a calidade asistencial dos veciños asignados a este centro.

O delegado territorial da Xunta trasladoulle o informe realizado pola Consellería de Sanidade no que se reflicte a necesidade de levar a cabo as actuacións de substitución de estores, reparación de portas e o pintado do interior do centro.

Gabriel Alén puxo en valor estes investimentos para mellorar a calidade asistencial do centro de saúde e para facilitar os seus usos por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para proporcionar aos veciños deste concello unha atención primaria máis próxima, máis moderna e mellor adaptada ás súas necesidades.