A Deputación destina 255.000 euros á convocatoria de subvencións para proxectos de carácter social

A Xunta de Goberno celebrada hoxe aprobou tamén as bases de concesión de axudas ás asociacións veciñais de Ourense para financiar investimentos, cun orzamento total de 40.000 euros 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe por vía telemática baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, aprobou as bases para a concesión de subvencións a proxectos de carácter social, cun orzamento total de 255.000 euros. As axudas, cun límite máximo de 15.000 euros por solicitude, terán como beneficiarios a organizacións, asociacións e fundacións que no presente ano realicen programas sociais sen ánimo de lucro. As bases recollen que se primarán aqueles proxectos destinados a colectivos de persoas que, por razóns económicas, de saúde, étnicas ou culturais, sufran especiais dificultades e precisen dun tratamento específico. O prazo improrrogable de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación do extracto destas bases. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Na sesión de hoxe tamén se aprobaron as bases para a concesión de axudas ás asociacións veciñais de Ourense, co obxectivo de financiar os seus gastos de investimento ao longo deste ano. Cun orzamento de 40.000 euros, os colectivos interesados teñen de prazo para presentar as súas solicitudes a partir da publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións ata o día 31 de maio. 

No capítulo de cooperación coas entidades locais, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de 48.000 euros ao Concello de San Xoán de Río para a execución de obras de reforma na casa consistorial, e unha axuda de 15.000 euros ao Concello de Porqueira para a mellora de parques infantís nos núcleos de Sabucedo, Toxal e Filgueira.