A Xunta de Galicia vén de anunciar, no perfil do contratante da Consellería de Sanidade, a licitación dunha unidade móbil de extracción de sangue para a Axencia Galega de Órganos e Sangue (ADOS), por un importe de 359.999 euros, e que será destinada á área de Ourense.
Con esta medida, a Xunta de Galicia continúa coarenovación e modernización do actual parque móbil de ADOS. No 2018 adquiríronse dúas novas unidades, para as áreas de Santiago e Pontevedra, por valor de 561.440 euros. Posteriormente incorporouse outra á Área de Vigo, cun investimento de 326.000 euros. E no 2021 iniciouse a licitación da que recentemente comezou a prestar servizo na área da Coruña, por un importe de 324.000. Isto, xunto con esta unidade móbil que agora se licita para Ourense, fai que se eleve a 1,5 millóns de euros o investimento total nesta renovación.
O Goberno galego quere poñer de manifesto con esta nova licitación a importancia da mellora na prestación do servizo á cidadanía, lembrando que cada día son necesarias entre 400 e 500 doazóns de sangue para cubrir adecuadamente as necesidades de compoñentes sanguíneos dos nosos centros sanitarios.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue vén de presentar recentemente os datos referidos ao balance de 2021. Ao respecto, as doazóns acadadas no pasado ano supuxeron unha taxa de 39 doazóns por cada mil habitantes e ano, cifra que posicionou á nosa Comunidade Autónoma no terceiro posto do ránking nacional. Estas cifras significan 1.650 doazóns máis con respecto ao ano 2020, un incremento significativo tendo en conta que o 2021 continuou marcado pola pandemia.
Dende ADOS quérese agradecer a todas e todos os doadores o seu compromiso nestas circunstancias tan especiais, que ten permitido aumentar o número de doazóns, así como acadar 6.887 novos doadores, un 9% do total, que se incorporaron á base de doantes de Galicia que, na actualidade, supera os 425.000.