ABANCA, Afundación e o Concello do Barco de Valdeorras amosan «Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló»

A mostra inaugúrase mañá, xoves 7 de abril, ás 10.00 h na Sala ABANCA do Barco de Valdeorras

Esta colaboración enmárcase no proxecto «Corrente cultural» da Obra Social de ABANCA

AVANTAR ACTIVIDADES

No marco de «Cultura por alimentos», Afundación anima a todas as persoas asistentes a esta exposición a doaren alimentos non perecedoiros para os bancos de alimentos locais

ABANCA, Afundación e o Concello do Barco de Valdeorras inaugurarán mañá, xoves 7 de abril ás 10.00 h, a mostra «Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló». Ao acto asistirán Alfredo García, o alcalde do Barco de Valdeorras; Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras; Mateo Alonso, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. 

A mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase contemplar na Sala ABANCA do Barco de Valdeorras ata o 7 de maio de luns a venres de 18.00 a 20.30 horas e sábados de 11.00 a 13.30 horas.

Esta exposición enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.

A través dos artistas máis destacados do século XX español, esta exposición pretende dar a coñecer as técnicas tradicionais do gravado calcográfico e as súas variantes, en especial a xilografía, a litografía e a serigrafía. En ocasións, a delimitación entre unha técnica e outra non é tan nítida xa que os artistas actuais son quen de mesturar as distintas técnicas e mesmo inventárense outras novas.

Esta mostra é froito da colaboración enmarcada no proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

EventoInauguración da mostra «Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló»
LugarSala ABANCA do Barco de Valdeorras
Data e horaXoves 7 de abril ás 10.00 h
AsistentesAlfredo García, alcalde do Barco de Valdeorras Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras Mateo Alonso, coordinador institucional de ABANCA en Ourense Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo