O BNG acusa ao Goberno Local de incumprir o prego de condicións técnicas para a contratación de autobuses

O Grupo Municipal nacionalista refírese concretamente ao lote dous, composto por 15 vehículos e no que existe un voto particular na mesa de contratación ao non cumprir a empresa cos requisitos esixidos na formación do persoal, afectando directamente ás traballadoras e traballadores do servizo

 Logo de ter avaliado as actas da mesa de contratación para a subministración de 40 autobuses destinados á renovación deste importante servizo municipal, no Grupo Municipal do BNG poñen o foco sobre o acontecido no lote número dous, referido á adquisición de 15 unidades de entre 10,40 e 11,30 metros de lonxitude.

AVANTAR ACTIVIDADES

Da acta da mesa de contratación dedúcese que o único obxectivo do actual Goberno Local é “tirar cara adiante” aínda que iso supoña incumprir o prego.

Soamente así se entende que non se tiveran en consideración as apreciacións efectuadas por un dos membros da mesa e recollidas en acta a través dun voto particular. Nel, advírtese do incumprimento por parte da empresa adxudicataria, Scania Hispánica S.A. de varios requisitos presentes no prego de cláusulas técnicas e referidos á formación das e dos condutores.

Segundo se recolle en acta, no artigo 6 do prego establécese que os cursos de formación celebraranse no mes anterior á data de entrega establecida dos vehículos, pois ben, na oferta da empresa ditos cursos levaríanse a cabo durante os dous anos seguintes á data de entrega dos buses.

Outro aspecto que chama poderosamente a atención é o tocante ao número de alumnos e alumnas de ditos cursos. Namentres que no prego ven establecido que como mínimo serán de 60 alumnos, na proposta de Scania esta cifra baixa até os 6. Ao tempo, a empresa oferta a celebración dos citados cursos nas súas instalacións cando o prego determina que terán que ser impartidos na propia cidade de Ourense.

O que resulta, segundo os nacionalistas, máis sangrante é que se antepoñen os intereses da empresa aos do propio concello xa que tal e como se recolle en acta, “tanto a temática como a duración dos cursos poderá modificarse de mutuo acordo e en función das necesidades ou puntos de interese principais do operador/licitador”.

Para o BNG resulta alarmante que pese a un incumprimento tan flagrante dos pregos ditados polo propio concello, este decida validar dita oferta e proceder a súa adxudicación, cando en condicións normais, a empresa tería sido excluída do procedemento.