As estradas da provincia reunirán en Semana Santa a 800 ciclistas na Challenge Os 4 días de Ourense

Do 14 ao 17 de abril, ao redor de 800 deportistas, segundo cálculos da organización, participarán nunha proba única a nivel nacional pola súa duración e na que está prevista a presenza de equipos sénior e máster do noroeste de España e do norte de Portugal 

O desafío ciclista, presentado hoxe no Pazo Provincial, sairá cada xornada da estación de Baños de Molgas e terá un percorrido medio de 70 quilómetros, atravesando tamén os municipios de Ourense, Maceda, Vilar de Barrio, Paderne, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar e Taboadela 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ao redor de 800 deportistas, segundo cálculos da organización, participarán do 14 ao 17 de abril nunha nova edición da Challenge Os catro días de Ourense. Turismo Deportivo, o desafío ciclista que regresa ás estradas da provincia despois de dous anos de ausencia. Unha proba única a nivel nacional pola súa duración e na que está prevista a presenza de equipos sénior e máster do noroeste de España e do norte de Portugal. 

A proba foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Iglesias; o xefe de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; a xerente do Inorde, Emma González; o presidente da Fundación ADO Moure, Carlos Moure; e Jorge Villarino de La Región. 

Cada unha das catro probas, coa participación de ciclistas de ata dez categorías nas modalidades feminina e masculina, sairá da estación de Baños de Molgas e terá un percorrido medio de 70 quilómetros, atravesando tamén os municipios de Ourense, Maceda, Vilar de Barrio, Paderne, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar e Taboadela. 

A presente edición supón o regreso do desafío ciclista ao calendario deportivo ourensán, logo de dous anos de ausencia como consecuencia da pandemia. A organización constata que “hai interese por volver a participar na proba polo ritmo nas inscricións”, agardando contar cunha media de 200 ciclistas en cada día de competición.