Unha moción de CxG propón un enlace en Punxín da estrada N-541 coa autovía AG-53

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O tenente de alcalde do Concello de Punxín, Eladio Fernández Vázquez, voceiro de Compromiso por Galicia (CxG), vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno da Corporación na que propón a construción dun enlace que una a estrada N-541 (Ourense-Pontevedra) coa autovía AG-53 (Ourense-Dozón) no cruce da localidade de San Estevo.

O tamén concelleiro de Obras xustifica a súa solicitude baseándose en que o municipio de Punxín é cruzado de norte a sur por dúas estradas nacionais (a devandita N-541 e a N-545) e dúas autovías, a xa citada AG-53 e a A-52 (Vigo-Madrid), “sendo por elo un dos concellos máis estratéxicos da provincia”. Un entramado de vías de alta capacidade no que Eladio Fernández sinala a existencia de “un enclave estratéxico para os concellos de Maside, Amoeiro e Punxín onde a estrada N-541 pasa a menos de 200 metros da autovía AG-53”.

E lembra que “a posibilidade de facer un enlace entre ambas estradas xa ven sendo reclamado históricamente por os alcaldes da contorna”, de xeito que a moción, unha vez aprobada pola Corporación de Punxín en pleno, “sirva de base activadora para reclamar a construción de tan importante obra, á altura do cruce de San Estevo”, aproveitando o forte investimento que está a levar a cabo a Xunta de Galicia para o acondicionamento dunha área de descanso na AG-53, xusto no mesmo punto onde se solicita o enlace.

En consecuencia, Eladio Fernández insta ao Pleno de Punxín a aprobar a proposta e remitir os planos correspondentes do enlace á Axencia Galega de Infraestructuras, Secretaria Técnica da Conselleria de Vivenda e Planificación de Infraestructuras, Xefatura do Territorio da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestructuras de Ourense e á Sociedad Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------