OUFF en Curto e Fas Muvis presentan participantes para o 25 Festival de Cine de Ourense

Presentación das seccións “Fas Movies” e “Ourense en Curto ” do XXV edición do OUFF. Asisten Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense), Miguel Ánxo Fernández (Director Artístico do OUFF) e Aurelio Gómez Villar (Asesor de Cultura da Deputación Ourense).

Os carteis destas dúas seccións competitivas foron presentados e o presidente da Deputación de Ourense sinalou que ambas propostas “xa están consolidadas dentro da programación deste certame”

Publicidade

O OUFF en Curto é “unha mostra máis da aposta deste goberno provincial a prol do audiovisual galego que vén a reafirmar o noso compromiso con este sector”, mentres que Fas Muvis é “unha iniciativa innovadora que logra reunir en cada edición traballos moi interesantes”, salientou Baltar

Tras dar a coñecer o cartel oficial do 25 aniversario do OUFF, deseñado polo pintor de Celanova Baldomero Moreiras, o Festival de Cine de Ourense presenta agora os carteis das outras dúas seccións competitivas que forman parte do certame: OUFF en Curto e Fas Muvis. Trátase das dúas categorías estrela do certame, xunto coa Sección Oficial.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar sinalou que ambas seccións “xa están consolidadas dentro da programación deste certame”. Pola súa parte, o OUFF en Curto é “unha mostra máis da aposta deste goberno provincial a prol do audiovisual galego que vén a reafirmar o noso compromiso con este sector”, mentres que Fas Muvis é “unha iniciativa innovadora que logra reunir en cada edición traballos moi interesantes”, salientou Baltar.

“Estas seccións son parte do impulso que dende o OUFF se lle quere dar á mocidade, potenciando o audiovisual entre os máis novos do sector audiovisual. Un compromiso cos novos creadores galegos que se mantén desde as últimas edicións e que se quere potenciar de cara o futuro”, engadiu o presidente da Deputación de Ourense.

OUFF en Curto

Coordinada por Miguel Grandío xunto con Laura Guizán, esta sección traerá ata Ourense o mellor do panorama galego de curtametraxes. “Aínda que este ano, por mor da situación sanitaria, o número de curtas participantes foi lixeiramente menor, cabe destacar igualmente o alto interese xerado polo certame, así como a variedade nas obras presentadas que xa é un dos sinais de identidade do OUFF en Curto”, afirman os coordinadores. O público ourensán e galego poderá gozar da alta calidade das curtas seleccionadas de balde e en pantalla grande, agrupadas en tres bloques.

Bloque 1: Mare, La penumbra, Conte Trencat, Selected Milk, Mentres iso pasa.

Bloque 2: To the sea, Onde dormen as gaivotas, Los que no sienten, A quién dices amar, Cuestión de autoridad.

Bloque 3: La última cena, La luz del camino, Postre, Papá, por que quitas a música?, Solo son peces.

O cartel de OUFF en Curto conta cun estilo cubista e é obra de Nuria Grandío, que xoga coas formas, o xeometrismo e a independencia dos planos. A autora pretendía “lograr a integración dalgúns monumentos moi identificativos da arquitectura ourensá con elementos propios do mundo do cine, facendo así referencia aos 25 anos que a cidade leva acollendo o OUFF”. Grandío buscou inspiración en carteis doutras edicións de diferentes festivais de cine arredor do mundo “prestando especial atención ao Festival de Málaga, un grande referente para min a nivel artístico”.

Fas Muvis

O concurso para rodar unha peza audiovisual na cidade de Ourense nun prazo de 48 horas tamén estrea cartel. Paulino Pérez e Enzo Sarmiento son os encargados de coordinar un ano máis Fas Muvis. Recibiron máis de 20 propostas, procedentes de toda Galicia e con grandes ideas, das que se escolleron aos seis equipos que participarán nesta edición de 2020. Os seleccionados son: Auria Última Noite, A Gran Pantalla, Bagagem, O Panexírico de Narciso, Lémbrame e A Memoria Activa.

No cartel de Fas Muvis, a Ponte Romana de Ourense érguese como protagonista desta peza de autoría compartida: a fotografía é de Enzo Sarmiento e o deseño de Tania Sueiro. A inspiración xurdiu de empregar as pontes, un monumento característico da cidade de Ourense, como nexo de unión entre a canteira audiovisual que está comezando, e participa no concurso, cos profesionais que xa se están a facer un oco dentro do sector e aqueles xa consagrados.