Gabriel Alén destaca as actividades e a implicación da xunta pola presenza da muller no eido tecnolóxico

O delegado territorial da Xunta participou esta mañá no inicio do obradoiro ‘Girl Steam’,  en Celanova

  • Para o delegado territorial trátase de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas ás rapazas, para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM
  • O obradoiro ‘Girl Steam’ é iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co obxectivo de dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico
  • No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o uso creativo da mesma, a colaboración, o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento

Ourense, 03 de agosto de 2023. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá á Aula CeMIT de Celanova para participar do inicio do obradoiro ‘Girl Steam’; unha iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co obxectivo de dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e fomentar a presenza das mulleres nas carreiras Steam. Gabriel Alén estivo acompañado polo director da área de Sociedade Dixital da Axencia, Miguel Rodríguez Quelle.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial sinalou que se trata de impulsar actividades desde idades temperás dirixidas a rapazas e rapaces para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM a través de obradoiros prácticos, onde aprender e experimentar coa tecnoloxía, coa finalidade principal de fomentar o talento e espertar vocacións tecnocientíficas.

Gabriel Alén explicou que na provincia de Ourense xa se desenvolveu esta actividade no concello de Leiro os pasados 10 e 11 de xullo, e hoxe e mañá levarase a cabo aquí, en Celanova. Participan 12 rapaces e rapazas de entre 8 a 11 anos, que levarán a cabo unha actividade por equipos que terá como produto final unha peza audiovisual en formato stop motion. Partirase dun circuíto de luces led elaborado polo grupo que sirva de base para elaborar o miniguión e construír a historia con fotogramas que se editará para a presentación final do traballo. Cada concello contará con dúas quendas por idade, unha para escolares de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.

Para o representante do Goberno galego trátase de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas ás rapazas, para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas) e apostar por profesións do ámbito TIC.

No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o uso creativo da mesma, a colaboración, o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.

Esta actividade enmárcase no Convenio de colaboración de carácter anual entre a Amtega e o CPETIG co obxectivo de estimular o talento no ámbito das TIC e espertar vocacións tecnocientíficas.

A aposta da Amtega polo fomento do talento dixital galego

Esta actuación forma parte do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, para o impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, que conta cun eixe especificamente dirixido a impulsar as vocacións e o talento dixital avanzado, prestando especial atención á fenda de xénero.

Así, cada ano, o catálogo de actuacións do Plan DigiTalent conta con iniciativas destinadas a todos os públicos, entre as que destacan as accións lúdico-formativas e as experiencias inmersivas como o Programa Tecnólog@ por un día ou o Programa Tech Kids, impulsado en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Con estas actividades, búscase espertar o interese dos máis cativos nas disciplinas científico-tecnolóxicas e nas novas profesións dixitais; ao tempo que se pon en valor o rol que xoga o talento feminino no sector TIC, promovendo o aumento da taxa de mulleres nos novos desenvolvementos dixitais.