A Deputación de Ourense apoiará a celebración da V Subida a Valdeorras, proba automobilística puntuable para o Campionato de España de Montaña

Manuel Baltar reuniuse coa directiva da Escudería Valdeorras -organizadora da cita- para avanzar a colaboración do goberno provincial

A competición, reactivada en 2022 tras dúas décadas de ausencia, celebrarase este ano do 23 ao 25 de xuño no que supón o seu debut na máxima categoría nacional desta modalidade automobilística

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 7 de febreiro de 2023.- A Deputación de Ourense apoiará a celebración da V Subida a Valdeorras, que se disputará do 23 ao 25 de xuño no que supón o debut da competición organizada pola Escudería Valdeorras no Campionato de España de Montaña, máximo chanzo competitivo desta modalidade automobilística. Este ascenso vén outorgado pola Federación Española de Automobilismo tralo éxito da proba na pasada edición da Copa de España. 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co presidente da Escudería Valdeorras, José Manuel Torres, e con Manuel Díaz Pavón para avanzar a colaboración do goberno provincial con esta cita valdeorresa.

Manuel Baltar enmarca este acordo dentro da “aposta da Deputación polo desenvolvemento dun ecosistema deportivo ourensán que permita amosar todas as potencialidades da provincia”, e resalta a “importancia desta competición para a comarca de Valdeorras e para toda a provincia de Ourense”. 

O presidente do goberno provincial pon en valor a “estreita relación da Deputación con todo o tecido asociativo da provincia, dinamizadores do territorio como demostra o excelente traballo da Escudería Valdeorras, con capacidade e músculo para recuperar a Subida a Valdeorras e potenciala con gran éxito, logrando uns froitos que se están vendo co paso do tempo”. 

Pola súa banda, o presidente da Escudería Valdeorras, José Manuel Torres, puxo en valor a importancia da presenza da Deputación como patrocinador principal da proba en 2023, “despois dunha edición que foi un éxito, tras case dúas décadas de ausencia, sendo cualificada pola Federación Española de Automovilismo coma unha das mellores da Copa de España de Montaña, o que nos permitiu este ano lograr o ascenso de categoría e pasar ao calendario do Campionato de España”.