O Psdeg acusa a Jácome de mentir ao intentar vender como idea propia a apertura das instalacións deportivas dos centros educativos fora do horario escolar

 O PSdeG-PSOE de Ourense acusa a Jácome de mentir “descaradamente”, en relación ao seu anuncio de que o Concello de Ourense valora abrir as instalacións deportivas dos colexios da cidade fóra de horario escolar, afirmando que se trata dunha medida “innovadora e inédita en Galicia”. Os socialistas lémbranlle ao rexedor que xa hai un convenio asinado entre Consellería de Educación e a Federación Galega de Municipios e Provincias na que se formaliza a apertura das instalacións deportivas dos centros educativos para uso xeral dos veciños fora das horas lectivas. Neste senso tamén lembran que durante o goberno do PSdeG-PSOE e BNG “xa se procedía a apertura das instalacións dos centros de ensino para a práctica deportiva, polo tanto non é unha idea innovadora do alcalde, senón unha réplica do xa feito”.

Dende o Grupo Municipal Socialista critican que o rexedor “busque ser o protagonista de todo o que acontece na cidade” e acúsano de “intentar confundir a opinión pública, vendendo como propias ideas que xa se levaron a práctica fai case un ano”. Os socialistas consideran que este xeito de actuar de Pérez Jácome non busca “máis que tapar as súas vergoñas” e o seu “desleixo” as instalacións deportivas da cidade, “abandonadas” en moitos casos, con “graves carencias” e sen un proxecto que aposte pola “creación” de novas infraestruturas que fomenten o deporte e permitan dar cabida a todos os deportes e deportistas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas tamén teñen “serias dúbidas” de que a apertura das instalacións deportivas dos centros educativos “sexa polo ben da cidadanía” e que non esconda “intereses espurios” do rexedor para entregar a “dedo” a empresas “amigas” a xestión das aperturas destas instalacións. “O alcalde xa anunciaba na súa nota de prensa que o Concello poría os recursos para desenvolver estas aperturas, ben con conserxes, ou a través de empresas especializadas, polo que creemos que é outra idea na que busca premiar a amiguetes aos que outorgarlle estes contratos a dedo”, explican dende o PSOE ourensán.

Para o PSdeG-PSOE de Ourense a actual oferta de instalacións deportivas municipais presenta “grandes carencias” e apuntan a que “non da cobertura aos milleiros de deportistas, tanto cativos como mozos e maiores de idade, que queren practicar deporte na cidade, tanto na modalidade de clubs como de xeito individual”. Os socialistas consideran que o rexedor “debería apostar por un modelo de cidade que constrúa novas infraestruturas para dar cabida a centos de clubs que cada ano teñen problemas por falta de instalacións municipais, chegando a ter que alugar instalacións privadas para que centos de cativos e cativas e de mozos e mozas poidan practicar os seus deportes favoritos”.

Os socialistas esíxenlle a Jácome que “deixe de apropiarse de ideas e proxectos xa anunciados por outras administracións” e afirman que “debe pórse a traballar dunha vez por todas pola cidade de Ourense e a veciñanza, abandonada a súa sorte ante os incumprimentos constantes dun alcalde que só busca titulares, sen preocuparse polo benestar dos seus veciños e veciñas”.