Para esta Semana Santa, música, teatro e obradoiros para os máis pequenos no Carballiño

Para estes próximos días de Semana Santa, o concello do Carballiño prepara unha programación cultural para todos os públicos. Por unha banda, recordamos que os obradoiros infantís que ían a ter lugar neste días pasados, na Praza Maior ás 18:00 horas, serán trasladados ó sábado e ó domingo.

Mañá xoves, ás 20:00 horas na Praza Maior “ENTRE VINILOS, LUSCO E FUSCO”, unha proposta musical moi orixinal e con moito ritmo, onde soará un amplo repertorio musical dos 80s para desfrutar os melómanos e nostálxicos de moitas das súas cancións favoritas.

AVANTAR ACTIVIDADES

O venres, ás 19:00 horas, na Praza Maior, música infantil PACO NOGUEIRAS – “RADIO BULE BULE”, para vivir a radio en directo nun divertidísimo programa cheo de humor, baile e cancións, con deportes, servizos informativos, o tempo, axenda cultural.

E o sábado, será día de feira, sumado ademais ós días festivos. Dende as 11:00 horas ata as 14:00 horas, haberá animación musical a cargo do grupo tradicional Tokaide, ca finalidade de animar a comerciantes e compradores que se achegan á vila de toda a comarca atraídos polos produtos que ofrece esta feira.

De novo esta fin de semana poderemos desfrutar dun evento cultural e ademais solidario. A Asociación de Mulleres de Sagra , como xa anunciamos en pasadas semanas, organiza, en colaboración co concello do Carballiño e de Cáritas Parroquial do Carballiño, un evento solidario. Trátase dun festival de teatro, destinado a recadar fondos como axuda humanitaria para Ucraína.

As actuacións serán ás 20:00 horas, no auditorio Manuel María do Carballiño. A próxima será o 17 de abril a cargo de Coles Teatro, e o 30 de abril, a cargo do grupo de Teatro Esteta.