Onte pola mañá daba comezo a serie de talleres que a CEO pon en marcha co respaldo do Igape para axudar ás empresas vitivinícolas a dixitalizar o seu sector, dotándoas de ferramentas para acelerar a súa transformación dixital e simplificar a súa implementación.
Estas sesións prácticas desenvólvense dentro do programa de Impulso de Proxectos Tractores de Competitividade no Sector Vitivinícola: Dixitalización e Industria 4.0, co que a CEO completa e acentúa os servizos que presta a este sector tan fundamental na provincia, para o que levou a cabo acciones de internacionalización e de promoción tamén no ámbito da dixitalización a través de ExportOU.
Marisol Novoa, presidenta da CEO, introduciu o primeiro taller deste ciclo, no que participaron adegas das DO ourensás, membros das asociacións de Colleiteiros do Ribeiro e Empresarios de Valdeorras, ademais de responsables de distintos roteiros do viño na provincia, e empresas relacionadas co sector. Novoa destacou que ‘a través desta nova iniciativa a CEO persegue combinar un sector con gran potencial na provincia como o vitivinícola, coa dixitalización, un factor que pasou de ser opcional nas empresas para ser xa imprescindible e ineludible despois das experiencias e acontecementos vividos coa pandemia e as difíciles circunstancias que orixinou’.
No primeiro taller inaugural, centrado no enoturismo, participaron tamén o subdirector de negocio do Igape, Eladio Otero, e Argimiro Levoso, experto consultor do sector, que presentou no taller de hoxe unha completa solución tecnolóxica que ofrece experiencias enoturísticas en liña para captar ou fidelizar clientes e impulsar a venda en liña. Ademais, por parte da CEO tanto o secretario xeral, Jaime Pereira, como a directora do proxecto, María Fernández, deron a benvida aos participantes e indicaron que a partir de agora actuarán como dinamizadores do grupo de adegas incorporadas nos distintos obradoiros para definir os contidos dos seguintes talleres e optimizar ao máximo posible a súa realización.
Pola súa banda, Eladio Otero presentou as axudas do Igape para a mellora da competitividade do sector vitivinícola, que inclúe as correspondentes ao desenvolvemento da industria 4.0 e como novidade adiantou a próxima publicación no mes de maio de axudas para economía circular ás que poderán optar tamén as adegas, do mesmo xeito que as relativas a procesos de loxística avanzada que presentará no marco doutro taller no segundo semestre do ano.
Solución dixital con infinidade de aplicacións en eventos e catas virtuais ou presenciais
Argimiro Levoso protagonizou o taller de hoxe, que enfocou ás visitas virtuais e a posibilidade de adaptalas ao enoturismo a través dunha ferramenta que mellora a experiencia da visita virtual e conta con distintas funcionalidades desde catas virtuais ata enquisas de produto e satisfacción ou xogos de preguntas e respostas.
Esta ferramenta permite infinidade de posibilidades tanto para a adega como para o cliente, pois é unha solución para integrar na visita virtual de ExportOU 360 e realizar accións en directo ou en diferido, como eventos nos viñedos ou catas. No caso destas últimas permite seguilas e ir interactuando co catador ou catadora, proporcionando información de gran valor para a adega con respecto ao caldo analizado, o que lle permitirá mellorar e adaptar o produto ao consumidor unha vez recompilada toda a información achegada nas fases de vista, olfacto ou gusto a criterio do participante, que pode ademais engadir suxerencias ou información adicional.
Dez talleres para dixitalizar o sector vitivinícola
Os obradoiros que hoxe se poñen en marcha, terán unha periodicidade semanal e tratarán temas propostos polas propias adegas, pois a iniciativa nace co afán de adaptar estes coñecementos ás inquietudes das empresas do sector, de maneira que se axusten o máximo posible ás necesidades máis urxentes e os temas de maior interese para implantar a transformación dixital en calquera ámbito da xestión destas empresas que necesite dixitalizar procesos ou funcións, desde a administración, produción, comercialización ou internacionalización.
Estes talleres, que se desenvolverán semanalmente ata o mes de xuño, teñen como obxectivo principal configurar un espazo de encontro para as empresas do sector no que poidan explorar solucións tecnolóxicas específicas e vías de colaboración que dean lugar á implementación de ferramentas dixitais colaborativas que ademais poidan optar a axudas á dixitalización.
Como obxectivos específicos as sesións perseguen optimizar e aumentar a calidade da produción de viño galego, cara á eficiencia e sustentabilidade por medio de recursos intelixentes. Como finalidades deste proxecto tamén se atopan a de mellorar o valor do viño a través de plataformas que aseguren a trazabilidad desde o viñedo ata o consumidor, garantindo a calidade; do mesmo xeito que a dinamización económica das zonas produtoras e o impulso da comercialización a través do enoturismo. En definitiva, este proxecto está deseñado para dixitalizar este sector e dotalo da tecnoloxía necesaria segundo as súas características e necesidades.