Gabriel Alén sinala ao sector vitivinícola como símbolo de tradición ao mesmo tempo que punteiro en innovación e investigación.

  • O delegado territorial manifestou que o viño contribúe á nosa imaxe de país ademais de ser un polo de atracción de visitantes e turistas
  • Gabriel Alén recalcou que o viño debe servir de dinamizador das comarcas vitivinícolas, apostando por un valor engadido que incentive a súa promoción e comercialización a través dun prezo que beneficie dende o máis pequeno viticultor ata a máis grande adega
  • A XI edición das xornadas de portas abertas da Ruta do Viño do Ribeiro desenvolveranse do 13 ao 15 de maio

“O enoturismo como un turismo dun alto valor engadido e unha potente ferramenta para o desenvolvemento dun tecido socioeconómico moderno, sustentable e con futuro, nunha contorna como é o Ribeiro”. Deste xeito, o delegado territorial, referiuse esta mañá, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, ao importante papel da viticultura nos territorios rurais nos que se produce no acto de presentación da XI edición das xornadas de portas abertas da Ruta do Viño do Ribeiro, que se desenvolverán do 13 ao 15 de maio.

Gabriel Alén, sinalou que o viño contribúe á nosa imaxe de país ademais de ser un polo de atracción de visitantes e turistas. Temos un sector responsable e sostible coa súa contorna e coas persoas que nos rodean -engadiu-  e ao seu arredor progresan moitos pobos e cidades pequenas da nosa xeografía, vertebra o territorio e ofrece emprego de calidade, equiparando esta ruta coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas impulsada pola Xunta en colaboración co sector, coas tres universidades galegas e cos axentes relevantes dos respectivos territorios para acadar a consolidación dos nosos viños nos diferentes mercados. Tamén –continuou Gabriel Alén- é símbolo de tradición ao mesmo tempo que punteiro en innovación e investigación; é o reflexo do bo facer de miles de empresas e viticultores en todo o país.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por iso, -recalcou o delegado territorial- o viño debe servir de dinamizador das comarcas vitivinícolas, apostando por un valor engadido que incentive a súa promoción e comercialización a través dun prezo que beneficie dende o máis pequeno viticultor ata a máis grande adega. Deste xeito -dixo- poderemos acadar o obxectivo de afianzar ao Ribeiro e a Galicia como referente de viños de calidade, ademais de como principal destino enoturístico, aproveitando o impulso do Xacobeo 2021-2022 e de futuros Xacobeos, así como doutros eventos promocionais.

O delegado territorial engadiu que temos que continuar impulsando a calidade que ampara moitas das producións alimentarias de Galicia e nomeadamente os viños galegos, a través da sección Galicia Calidade Alimentaria que contribuirá ao pulo que debe seguir representando un dos eidos máis estratéxicos e dinámicos do noso sector primario. 

No marco dese pulo imprescindible, Gabriel Alén aludiu á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que permitirá -destacou- ampliar a produción das denominacións de orixe do viño buscando os terreos máis idóneos para implementar aldeas modelo ou polígonos de viñedo, sempre da man dos consellos reguladores.

Xornadas de portas abertas

As xornadas de portas abertas das Rutas dos Viños desenvolveranse dedicando unha fin de semana a cada unha das rutas, sendo a primeira a Ruta do Ribeiro (13 ao 15 de maio), posteriormente a das Rías Baixas (20 ao 22 de maio), a de Valdeorras (27 ao 29 de maio), Ribeira Sacra (3 ao 5 de xuño) e finalmente a de Monterrei (do 10 ao 12 de xuño).

Deste xeito, entre os meses de maio e xuño poderanse facer visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes nesta promoción, se ben recoméndase confirmar a visita vía telefónica coa bodega correspondente por motivos de aforo. Ademais de menús en restaurantes e da posta en marcha do Bus do Viño para facilitar as visitas ás adegas, na páxina de Facebook de Turismo de Galicia realizaranse tres concursos por cada Ruta do Viño, nos que se sortearán noites de aloxamento para dúas persoas en cuarto dobre nun dos establecementos asociados participantes, máis o xantar do día seguinte nun restaurante socio da Ruta.