A memoria de actividades 2021, ano no que o recinto feiral cumpriu 25 anos dende a súa inauguración, foi presentada esta mañá nun acto no que participaron representantes das entidades que integran o Padroado da Fundación Expourense ás que hai que engadir o Concello de San Cibrao de Viñas que non puido asistir ó evento. Os datos foron presentados polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e nel interviron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández; o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense – CEO, Marisol Novoa, e o coordinador de Negocio Institucional de ABANCA, José Manuel Nogueira.
Actividade feiral
As sete feiras organizadas polo recinto en 2021 (Car Outlet, Ourense Vinis Terrae, Salón do Automóbil Novo, Salón do Automóbil de Ocasión, Antiq Auria, Xantar e Sportur Galicia), ás que hai que sumar as distintas accións profesionais vencelladas a Termatalia, contaron coa participación de 352 expositores. No referente á procedencia dos expositores, das visitas e dos asistentes ás actividades formativas propostas pola Fundación (ben presencial ou ben virtual), pódese falar de 45 países representados.
Estes datos confirman a Expourense como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a gastronomía, o viño, o turismo activo ou a automoción.
Unha das feiras celebradas en 2021, Xantar (Salón Internacional de Turismo gastronómico) está recoñecida co Selo de Internacionalidade outorgado polo Goberno de España. Foi a primeira edición celebrada no mes de novembro e estivo centrada na promoción da “Gastronomía dos Camiños”. O outro gran evento internacional do ano foi a organización de accións profesionais vencelladas a Termatalia (Feira Internacional de Turismo Termal, de Saúde e Benestar) que incluíron o 2º Congreso Internacional sobre Auga e Saúde celebrado por primeira ve, de xeito conxunto co IV Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida promovido polo Campus Auga da Universidade de Vigo no que participación de 72 relatores de 12 países e que contou con 500 inscritos de 29 países de 4 continentes. Tamén se incluíron accións de negocio como o Workshop especializado en Turismo de Saúde e Benestar do que formaron parte 24 touroperadores de 6 países ou a 18ª Cata Internacional de Augas de Termatalia: Contou coa participación dunha quincena de marcas de auga mineral envasada de España, Francia e Portugal.
De carácter bienal, no 2021 celebrouse a novena edición, a primeira delas en formato híbrido, de Ourense Vinis Terrae, Salón dos Viños e Licores de Calidade de Galicia que se posicionou como un centro de negocios internacional con 687 citas entre os 69 adegueiros galegos e importadores de 25 países.
Expourense tamén organizou en 2021 citas orientadas ó público xeral de carácter comercial que convocaron a diferentes sectores. Contando co apoio de A.C.A.U.T.O. (Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense) celebráronse en 2021 tres salóns (Outlet, Novo e de Ocasión) centrados na comercialización de vehículos que xeneraron un gran volume de negocio cun total de máis de 350 vehículos vendidos.
Pola súa parte, Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades, coorganizada coa Asociación “Memoria Antiga” de Ourense, celebrou en 2021 a súa quinta edición recibindo máis de 2.500 visitas, o mellor dato de todas as celebradas ata o momento
A última feira do ano foi a cuarta edición de Sportur Galicia, o Salón do Deporte e Turismo Activo que contribuíu a “vender” Galicia como un destino privilexiado, atractivo e seguro para o turismo activo.