O Barco de Valdeorras convértese na capital do atletismo español coa celebración do XIII Campionato de España de 10 quilómetros en ruta

Na presentación da proba no Pazo Provincial, o vicepresidente primeiro Rosendo Fernández puxo de relevo que esta proba “é froito do traballo organizativo da federación e o concello, a colaboración da Deputación e a implicación do club local ADAS”

“Vai ser un éxito de todos”, dixo o alcalde barquense, Alfredo García, que desvelou que xa no quedan aloxamentos libres para a data da competición, o 8 de maio.

AVANTAR ACTIVIDADES

A organización agarda a participación de 600 corredores, nas categorías absoluta e máster, que percorrerán un circuíto urbano practicamente chairo e que acollerá despois unha carreira popular

O Barco de Valdeorras converterase, o próximo 8 de maio, no epicentro do atletismo español coa celebración do XIII Campionato de España de 10 quilómetros en ruta, organizado pola Federación Galega de Atletismo e o Concello barquense, xunto coa colaboración da Deputación, e no que se espera a participación de preto de 600 corredores. Unha proba á que seguirá unha carreira popular que discorrerá polo mesmo circuíto. O campionato foi presentado esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde do Barco e mailo concelleiro de Deportes, Alfredo García e Aurentino Alonso; e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos. Na presentación tamén estivo Lalo Gómez, vicepresidente da Federación Galega de Atletismo e presidente do Aurum Ourense Atletismo.

Rosendo Fernández puxo de relevo “a importancia dun evento que chega ao Barco e máxime tratándose da esencia do deporte, o atletismo, a modalidade máis antiga que se coñece”, destacando que este campionato “é froito do traballo organizativo da federación e o concello, a colaboración da Deputación e a implicación do club local ADAS”.

Alfredo García tamén subliñou a importancia da colaboración afirmando que a proba “vai ser un éxito de todos”, ao tempo que destacou que “será un fito no Barco, pois xa non quedan aloxamentos libres para esa data”. Tamén quixo agradecer Aurentino Alonso o patrocinio de entidades e empresas da comarca “que desde o primeiro momento se puxeron a disposición da organización deste evento”.

Isidoro Hornillos explicou os detalles dun campionato que se celebrará “nun lugar emblemático do atletismo galego” e que supón o regreso desta proba á comunidade, despois da celebración en Ribadavia da primeira edición (2009) e cinco anos despois (2014) en Padrón na sexta convocatoria.  A organización agarda a inscrición de preto de 600 corredores que participarán nas categorías absoluta e máster, individuais e por equipos. A proba discorrerá por un circuíto urbano practicamente chairo, que tralo remate da competición acollerá unha carreira popular.