Ribadavia honra dende mañá cunha novena aos seus patronos A Virxe da Oliveira e San Roque

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ribadavia honrará a dous dos seus patronos, A Virxe da Oliveira e o San Roque, cun programa de actos litúrxicos en procesións nos vindeiros días. Así, a novena na honra da Virxe da Oliveira e San Roque dará comenzo mañá, xoves 6 de agosto e celebrarase diariamente ás 8 da tarde na igrexa da Santa María da Oliveira, agás o domingo día 9, que será ás 9,30 horas.

E na xornada solemne da Asunción da Virxe, o sábado 15 de agosto, oficiarase unha santa misa ás 9,30 horas, e haberá unha procesión ás 11,30 horas polas rúas da vila co acompañamento da Banda de Música A Lira, que previamente realizará un pasarrúas polo centro do casco urbano.

E, ao día seguinte, o domingo 16 de agosto, celebrarase o día do San Roque cunha misa na súa honra ás 9,30 horas na mesma igrexa da Oliveira.

A igrexa de Santa María da Oliveira, datada no século XII, está situada no barrio máis alto do casco urbano de Ribadavia e pertenceu, xunto cunha granxa, ao Mosteiro de Oseira, por unha doazón feita polo rei Fernando II. Na súa fachada destacan a inscrición que fai mención á consagración do templo e un rosetón tetralobulado.

No seu interior, sobresaen os dous retablos laterais, de fábrica barroca e a imaxe da Virxe da Oliveira, tamén coñecida como Nosa Señora dos Anxos. Outra talla de gran valor artístico é a de San Xurxo, que pertenceu á cofradía dos industriais de Ribadavia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------