O BNG levará a pleno o peche previsto para o día 11 de maio da única oficina bancaria do barrio da Carballeira

O peche da única oficina que a día de hoxe presta servizo no barrio da Carballeira non soamente merma o acceso da veciñanza a un servizo básico e esencial como é o sector financeiro senón que contribúe a marxinación dos barrios

Ourense, 27 de abril de 2022. O vindeiro 11 de maio a única oficina bancaria da Carballeira, a de Abanca, pechará as súas portas, deixando sen servizo á clientela deste barrio. Terán que desprazarse a oficinas bancarias situadas noutras zonas, con horarios de atención presencial limitados e nas que xa hai colas que provocan protestas e perdas de tempo á cidadanía.

AVANTAR ACTIVIDADES

Segundo o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, a perda de oficinas bancarias está sendo constante nos barrios de Ourense, deixando sen servizo ou dificultando o acceso a boa parte da cidadanía, nomeadamente ás persoas maiores, persoas que non son nativas dixitais mais tamén aos pequenos comercios e aos pequenos empresarios. Un feito tan simple coma necesitar retirar efectivo, ou ingresar a recadación diaria, obriga a desprazarse e perder tempo nas colas. Os veciños e as veciñas pagan máis hoxe por ter peores servizos financeiros.

Desde a formación nacionalista inciden en que o peche xera a destrución de empregos tantos directos, persoal do banco, coma indirectos, persoal de limpeza, de seguridade e transporte de fondos entre outros.

Fronte a esta alarmante situación, o BNG ten presentado diversas mocións ante o pleno, a última, en marzo de 2021 coma consecuencia do peche da oficina de Abanca na rúa San Rosendo no barrio da Ponte, sen que o Goberno Local teña realizado ningún tipo de xestión para garantir o dereito da veciñanza dos barrios a contar cuns servizos financeiros que a día de hoxe son indispensábeis tanto para a vida diaria como tamén para o tecido económico.

Ante o peche previsto da oficina no barrio da Carballeira, o BNG voltará solicitar do pleno apoio para instar ao Goberno Local a dirixirse á entidade bancaria Abanca para demandar o mantemento da oficina no barrio da Carballeira así como para expresar o apoio da Corporación Municipal ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores en defensa dos postos de traballo e do mantemento dos servizos financeiros básicos no territorio galego.