A Deputación aproba unha modificación de créditos de 18,2 millóns para financiar proxectos municipais, cooperar coa Xunta e axudar a entidades económicas e sociais

Do total do expediente, máis do 45 % (8,3 millóns) está destinado a 78 concellos da provincia para financiar investimentos en infraestruturas, equipamentos, servizos sociais, eficiencia enerxética, patrimonio ou medio ambiente 

O documento inclúe 1,1 millóns para apoiar ao sector agrícola, empresas, comercio e asociacións sociais, veciñais e culturais; 300.000 euros para fomento do deporte; 900.000 para o patrocinio de producións audiovisuais; 1,2 millóns para a modernización do Club Náutico de Castrelo de Miño; e 500.000 euros para o Inorde 

FESTAS EN RIBADAVIA

No tocante á colaboración institucional consígnanse dúas partidas de 600.000 euros para senllos convenios coa Xunta: a adquisición de maquinaria para prevención e loita contra incendios forestais, e os Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) no período 2022-2024. Haberá outros 500.000 euros para o Parque Acuático de Monterrei 

O pleno aprobou outro expediente de modificación de crédito, correspondente ao Inorde, por un importe superior aos 190.000 euros para promoción turística; asistencia a feiras e salóns especializados; iniciativas empresariais; e investimentos no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro 

A corporación aprobou ademais unha proposición relativa á adopción dun amplo paquete de medidas para paliar o impacto da suba da inflación. 

 O pleno da Deputación de Ourense, reunido hoxe na sesión ordinaria de abril baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou un expediente de modificación de créditos por valor de 18,2 millóns de euros, dos que 13,5 millóns corresponden a suplementos de crédito e os 4,7 millóns restantes a créditos extraordinarios. Do total do expediente, máis do 45 % (8,3 millóns) estará destinado a 78 concellos da provincia tanto para financiar gastos correntes como para investimentos. Con cargo ao remanente de tesourería do pasado exercicio, o documento tamén inclúe achegas para colaborar con proxectos doutras administracións, ademais de subvencións para asociacións e colectivos dos ámbitos económico, social, educativo, cultural e deportivo. 

No capítulo de cooperación cos concellos, os investimentos alcanzan os 7,4 millóns e permitirán executar proxectos de mellora urbanística; acondicionamento de infraestruturas viarias ou de saneamento e abastecemento; promover a eficiencia enerxética; realizar actuacións no patrimonio arquitectónico, histórico e cultural; traballos relacionados co coidado e conservación do medioambiente; dotación de espazos públicos; intervencións en equipamentos deportivos, lúdicos e culturais; ou iniciativas relacionadas cos servizos sociais. Neste mesmo apartado de entidades locais tamén se consignan 283.000 euros para cinco mancomunidades de concellos: Monterrei, Carballiño, Ourense, Ribeiro e nesta mesma comarca para a mancomunidade turística do Ribeiro. 

O expediente recolle achegas referidas a outros ámbitos, como os máis de 1,1 millóns de euros para apoiar ao sector agrícola, ás empresas, comercio e asociacións sociais, veciñais e culturais. Cómpre citar tamén os 300.000 euros para fomento do deporte, as axudas a Expourense (62.000 euros) e á Universidade de Vigo (89.000). 

Iniciativas da Deputación e colaboración institucional 

A modificación de créditos tamén permite facer fronte a outras accións que o Goberno provincial desenvolve a iniciativa propia ou en colaboración con outras administracións. Polo que respecta ás iniciativas da Deputación destacan os 900.000 euros para o patrocinio de producións audiovisuais que teñan as súas localizacións únicas ou principais en escenarios da provincia; ou os 1,2 millóns para a reforma e ampliación do Club Náutico de Castrelo de Miño, que dotará a este complexo dunhas novas e modernas instalacións. 

O Inorde recibirá máis de 500.000 euros para profundar en cinco áreas de traballo: O turismo e o termalismo, coa organización do Congreso Internacional de Turismo Termal, amparado pola Organización Mundial do Turismo; accións no sector primario para crear na estación de Paderne de Allariz unha planta de procesado de produtos agroalimentarios; axudas de ata o 50 % para campañas locais de comercio de proximidade; e o Portal do Inversor reunindo nunha plataforma toda a información de interese para captar investimentos. 

No tocante á colaboración institucional, o documento aprobado hoxe inclúe unha achega de 600.000 euros no marco do convenio asinado coa Consellería de Medio Rural para a adquisición de 12 tractores destinados a traballos de prevención e loita contra os incendios forestais, maquinaria da que se beneficiarán os concellos da Merca, Melón, A Peroxa, Castro Caldelas, Taboadela, Gomesende, Entrimo, O Bolo, Pereiro de Aguiar, Vilar de Barrio, Baños de Molgas e Nogueira de Ramuín. Tamén se reservan outros 600.000 euros para o novo convenio dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) no período 2022-2024; 500.000 euros para a construción do Parque Acuático de Monterrei, tamén en colaboración coa Xunta; e 1,5 millóns nun préstamo participativo a Meisa.  

Impulso a cinco áreas de traballo no Inorde 

O pleno da corporación provincial, que hoxe abriu de novo as portas ao público tralo fin das restriccións pola pandemia, aprobou un segundo expediente de modificación de crédito, desta volta correspondente ao Inorde por un importe superior aos 190.000 euros, dos que máis de 130.000 euros corresponden a suplementos de crédito e o resto a créditos extraordinarios. A modificación, con cargo ao remanente de tesourería do Inorde, inclúe 50.000 euros para accións de promoción turística; 30.000 euros para asistencia a feiras e salóns especializados; unha subvención de 48.000 euros ao Concello de Arnoia para redactar un plan parcial no polígono empresarial; e 8.000 euros máis para investimentos en equipamento do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, que tamén poderá dispoñer dun novo vehículo grazas a outra partida de 35.000 euros. En materia de turismo o expediente tamén recolle máis de 11.000 euros para o xeodestino Trevinca-Valdeorras e 13.000 máis para o de Celanova-Terra do Xurés, para actividades de promoción nos concellos que integran estas áreas. 

Medidas contra a inflación 

Xunto con senllas modificacións da relación de postos de traballo, correspondentes a persoal eventual e ao gabinete de asesoría xurídica, o pleno aprobou unha moción relativa á adopción de medidas para paliar o impacto da suba da inflación. Entre as accións propostas figura demandar do goberno central a intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas; medidas urxentes para a contención da crise da industria electrointensiva; a prohibición dos cortes das subministracións básicas por causas económicas e sociais; a baixada selectiva do IVE dos alimentos básicos, hixiene persoal e feminina ou o transporte público; e o incremento das pensións e dos salarios máis baixos ate o 60 % do soldo medio actual. 

Solicítase ademais tanto ao Estado como á Xunta a redución temporal das peaxes e dos impostos sobre hidrocarburos; a protección do sector agro-gandeiro evitando a venda a perdas; unha revisión impositiva que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerables; a compatibilidade e complementariedade da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) co Ingreso Mínimo Vital (IMV) axilizando a súa tramitación; a intervención pública no mercado da vivenda; aumento das bolsas para o estudantado máis afectado; e solicitar á Xunta que non reduza as partidas de igualdade, entre outras cuestións.