A Xunta propón o inicio do vindeiro curso escolar o 8 de setembro en todas as etapas

A unificación da data de comezo das clases no calendario escolar facilita a conciliación da vida laboral e familiar

Deséñase un período de adaptación para Infantil axustado ás necesidades das familias

AVANTAR ACTIVIDADES

A Consellería porá a disposición do profesorado unha nova aplicación informática para facilitarlle a elaboración das programacións para o desenvolvemento da nova lei educativa

A Xunta de Galicia proporá o vindeiro xoves na mesa sectorial adiantar o inicio do curso escolar ao 8 de setembro en todas as etapas. Deste xeito unifícase o calendario escolar, que ata o momento incluía diferentes datas para Infantil e Primaria das de ESO e Bacharelato e facilítase a conciliación da vida laboral e familiar.

Tal e como recolle o documento enviado hoxe ás organizacións sindicais, a proposta é iniciar as clases o 8 de setembro de 2022 e rematalas o 21 de xuño de 2023, salvo nas ensinanzas de réxime especial (que rematarían o 30 de xuño) e o 2º curso de Bacharelato (que se axustaría ao calendario da ABAU). Este cambio prodúcese tras a eliminación na nova lei educativa dos exames de recuperación en ESO.

Os períodos de vacacións escolares irían do día 23 de decembro ao 6 de xaneiro, ambos inclusive, no Nadal; os días 20, 21 e 22 de febreiro para o Entroido; e desde o día 3 ao 10 de abril, ambos incluídos, para a Semana Santa.

Afianzamento de competencias

O Goberno galego mantén para o vindeiro curso unha sesión de avaliación previa á avaliación final en ESO, que se celebraría a partir do 5 de xuño e que terá como obxectivo favorecer o afianzamento de contidos e competencias entre o alumnado.

Tras este período de reforzo, no que as direccións dos centros poderán adaptar o horario das clases para ofrecer o mellor servizo e apoio ao alumnado que máis o precisa, a avaliación final da etapa desenvolveríase a partir do 22 de xuño. Esta adaptación de horarios será aplicable tamén aos docentes de Bacharelato e FP.

Período de adaptación

No referido ao período de adaptación, deséñase un modelo axustado ás necesidades das familias. Desta forma, os centros poderán optar por unha incorporación gradual do alumnado de 4º de Infantil, que non se prolongará máis aló do 16 de setembro.

Deberán ter en conta a escolarización previa do alumnado na etapa 0-3 anos, a existencia de irmáns ou irmás no centro e as necesidades familiares. Garantirase, en todo caso, atención a tempo completo do alumnado cuxas familias así o soliciten.

Deseño das programacións

Coa finalidade de facilitar o deseño das programacións nos cursos nos que se implanta a LOMLOE a partir de setembro (segundo ciclo de Infantil, 1º, 3º e 5º cursos de Primaria, 1º e 3º de ESO e 1º de Bacharelato), a Consellería de Cultura, Educación e Universidade porá a disposición do profesorado unha aplicación informática específica.

Nesta ferramenta, os docentes atoparán o currículo precargado, así como un formato establecido que axilizará o seu traballo. Así mesmo, a Inspección educativa poderá flexibilizar a entrega destas programacións, tendo en conta o retraso na publicación dos documentos de base por parte do Goberno central.