Manuel Baltar celebra en Laias a reactivación do termalismo deportivo, con 357 deportistas adestrando no Cerlac entre abril e maio

Resalta a importancia deste momento dentro da aposta da Deputación polo termalismo deportivo e o ecosistema deportivo da provincia: “Os froitos do traballo de moitos anos vénse agora, con centos de deportistas preparando campionatos internacionais nestas láminas de auga”

O presidente da Deputación, acompañado da dirección de Caldaria, conversou coa selección española absoluta de canoa -con tres finalistas olímpicos, entre eles a galega Antía Jácome-, a selección española junior de remo e alumnos da Shrewsbury School

AVANTAR ACTIVIDADES

O adestrador nacional da selección española absoluta de canoa, Marcel Glavan, destacou no seu encontro con Manuel Baltar a calidade das instalacións do Cerlac

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou esta mañá o balneario de Laias para celebrar a reactivación do termalismo deportivo despois da crise do covid-19. Acompañado da dirección de Caldaria, Manuel Baltar conversou cos deportistas e corpos técnicos dos equipos que están adestrando estes días nestas instalacións do Cerlac: a selección española absoluta de canoa -con tres finalistas olímpicos en Tokio 2020, entre eles a pontevedresa Antía Jácome-, a selección española junior de remo e os alumnos da Shrewsbury School. 

O presidente da Deputación remarcou a importancia deste momento de reactivación: “As instalacións de Caldaria abren de novo para o termalismo deportivo. Unha aposta da Deputación que é unha firme realidade”. Coma unha nova mostra desta consolidación, entre abril e maio adestrarán no Cerlac 357 deportistas de diferentes países. “Son centos de deportistas de diversos países, de seleccións, de colexios… veñen a estas láminas de auga para preparar campionatos internacionais”, resaltou Manuel Baltar, que sinalou como “unha cousa que parecía utópica sucede dende fai tempo, con equipos de, por exemplo, Australia vindo a Ourense a adestrar e amosando como as visións teñen que prantexarse para convertirse en realidade”. 

Manuel Baltar incidiu na potenciación que está realizando o goberno provincial polo ecosistema deportivo de Ourense: “Este é un momento importante neste eido, polo que traballamos dende fai tempo e creo que se están vendo os froitos. Agora, a Alta Velocidade danos un plus, e consolida a Ourense nun referente nacional e internacional para o remo e piragüismo en España xunto a Banyoles e Sevilla”. 

A elite da canoa española adestra en Laias 

O adestrador nacional da selección absoluta de canoa, Marcel Glavan, remarcou esta mañá na súa conversa con Manuel Baltar o nivel do Cerlac: “É un bo sitio, tranquilo e con boa calidade de auga”. Glavan, que como deportista gañou unha prata en Atlanta 1996 no C-2 1.000 e sete medallas en campionatos mundiais e tres en europeos, adestra en Laias xunto a Georgiana Glavan á elite da canoa española, entre as que está a Antía Jácome -diploma olímpico e prata no Mundial de Copenhague-, Cayetano García e Pablo Martínez -diploma olímpico no C2 1.000-. 

A selección de canoa, tras afrontar uns test de competición en Pontevedra voltará a Laias para continuar a súa posta a punto nesta tempada de cara ao mundial, co horizonte de París 2024. 

Unhas instalacións de primeiro nivel para adestrar e competir

As instalacións do Cerlac están consideradas dende fai anos como unha absoluta referencia entre as mellores seleccións mundiais de piragüismo e remo, que teñen aquí unha importante base de adestramento. De feito, a selección absoluta de canoa, o equipo junior da Federación Española de Remo e o alumnos do Shrewsbury School repiten estes días estadía en Ourense. Ao igual que o farán en vindeiras datas os alumnos do Christ Church College, o clube de veteranos Putney Rowing Clube e a selección española sub 23 de piragüismo. Ademais, entre abril e maio tamén coñecerán estas instalacións por primeira vez alumnos do Upper Thames, integrantes do clube inglés de veteranos Auriol Kesington e unha delegación do Thames College. 

Dentro da aposta da Deputación polo termalismo deportivo e o turismo deportivo, e apoiado na firme alianza coa Federación Española de Remo, Ourense dará un paso máis en agosto coa celebración da Coupe de la Jeunesse .”Unha competición internacional que pon a proba a nosa capacidade de organizar eventos deportivos de primeiro nivel”, explicou esta mañá Manuel Baltar antes de desexar que esta proba sexa a primeira de moitas internacionais de piragüismo e remo con sede na provincia: “Estas dezaseis seleccións que estarán en Ourense na Coupe de la Jeunesse comprobarán a nosa capacidade organizativa e todo o que podemos ofrecer”.