Dotado con 3.000 euros, o novo premio distinguirá a periodistas con vínculos persoais ou laborais con Galicia e, de xeito especial, coa provincia de Ourense
As bases do certame manteñen o tradicional galardón a un traballo xornalístico publicado o ano anterior, dotado nesta edición con 1.500 euros, cuxa temática estea relacionada co interior de Galicia e a realidade cotiá da provincia de Ourense
A Deputación de Ourense convocará na próxima xunta de goberno o XXXII Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, que na súa edición de 2022 incluirá como novidade nas súas bases un galardón, dotado con 3.000 euros, para recoñecer a traxectoria profesional dun periodista con vínculos persoais ou laborais con Galicia e, de xeito especial, coa provincia de Ourense.
O Premio Carracedo mantén a tradicional distinción a un traballo xornalístico -neste caso, publicado no ano 2021-, cuxa temática estea relacionada co interior de Galicia e a realidade cotiá da provincia de Ourense, un galardón que estará dotado nesta edición con 1.500 euros. O traballo ou conxunto de traballos escritos, gráficos, audiovisuais ou dixitais que participen no certame deberán facer referencia a Galicia e estar publicados en medios de comunicación, tanto galegos como do resto de España, entre o día 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021.
O xurado estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense, ou persoa na que delegue. E, mantendo a composición de anos anteriores, actuarían como vogais un representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, da Federación de Asociacións de Periodistas, da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, e da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo. O secretario do xurado, con voz e sen voto, será o asesor de Comunicación da Deputación de Ourense.
O Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo ten como finalidade homenaxear e lembrar á figura do periodista ourensán (Petín, 1942 – Ourense, 1988) que desenvolveu con mestría o seu labor informativo, sendo respectado, recoñecido e admirado desde a propia profesión ata o conxunto da sociedade ourensá.