- Estará situada toda a semana diante da Delegación Territorial da Xunta en Ourense
- Ofrecerá información, asesoramento e axuda naqueles trámites necesarios para as persoas refuxiadas como a escolarización de menores, o acceso á sanidade ou cursos de competencias lingüísticas para a súa inserción no mundo laboral
Ourense, 09 de maio de 2022.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o Director Xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acompañados do presidente da Cruz Vermella de Ourense, Felipe Ferreiro, visitaron esta mañá a unidade móbil de información para refuxiados ucraínos, impulsada pola Xunta de Galicia, en Ourense, que durante toda a semana achegará información, asesoramento e axuda á poboación ucraína situada nas sete cidades galegas e nas localidades que acollen un maior número de refuxiados.
En concreto, está emprazada diante da Delegación Territorial da Xunta, na rúa Ramón Cabanillas. Esta unidade conta cunha intérprete e unha traballadora social que ofrecerán asesoramento sobre todos os trámites que debe facer a poboación refuxiada e os servizos que teñen á súa disposición en horario de 09,00 a 14,00 horas.
Entre outras cuestións axudaralles a ter información sobre como obter a documentación sanitaria que lle permita acceder ao sistema público de saúde, como escolarizar aos seus fillos nun dos centros da comunidade, como beneficiarse dunha das 1400 prazas de acollida que Galicia puxo a disposición do Goberno central e como acceder a cursos de formación en competencias lingüísticas para facilitar a súa inserción no emprego.
Páxina web
O Goberno galego, coa colaboración da Cruz Vermella, puxo en marcha esta iniciativa para atender ás persoas que chegaron á nosa Comunidade fuxindo da guerra en Ucraína. Ademais, creouse a páxina web ucraina.cruzvermella.gal, onde se pode consultar información e a localización actualizada desta oficina itinerante. Tamén se pode chamar ao teléfono e whatsapp 604 044 018.