Sos Suído Seixo e asoc. Alarma na Terra de Montes

Os colectivos veciñais SOS Suído-Seixo e Alarma na Terra de Montes estamos lanzando a campaña OLLO cos Agapitos!
Ambos colectivos veciñais e ambientais unímonos agora ante o asedio constante das empresas mineiras e eólicas ao benestar e tranquilidade da veciñanza, tal é como sintetizamos no cartaz, os “Agapitos” son persoas ligadas ás empresas que buscan o enfrontamento veciñal, poucas veces convocan reunións informativas abertas ao público en xeral e unha vez que conseguen o que queren, mal comprar a terra para as súas empresas, desaparecen.
Nos últimos días, persoal da empresa Recursos Minerales de Galicia SA, con sede en Zaragoza, e nave de almacenaxe en Forcarei, tense visto pola zona de Doade (Beariz) onde está proxectada a primeira parte da mina Alberta I, (concellos de Beariz, Forcarei, Avión e A Lama) revísese a hemeroteca para comprobar as irregularidades que acompañan o proceder desta empresa e do propio proxecto “Coto Tocayo” e Alberta I.
Na mesma liña, na Terra de Montes tamén, son máis de 20 os proxectos eólicos en diferentes estados de tramitación, só neste momento 4 en fase de alegacións (4 proxectos que volveron a saír por irregularidades administrativas nos procedementos): Conexión Beariz 400kv, Outeiro Grande, Monte Festeiros e dos Cotos.
Estamos fartas mais coa fortaleza de padecer este roubo man a man con todas asociacións e veciñais que han ir ao monte se unha apisoadora se atreve a rebentar un manancial.
Por iso, alentamos a toda a veciñanza, a todo movemento popular organizado e a quen queira sumarse a esta campaña que espalle o material e que fale coa veciña que aínda non se decatou.
O noso é cousa nosa. A auga e a terra son un ben común sagrado.