Gabriel Alén destaca á tecnópole como o polo da divulgación, a ciencia e a innovación de Ourense.

  • Celebrouse os días 11, 12 e 13 de maio coa temática da economía circular como fío condutor, en consonancia co esforzo de Tecnópole de aliñarse cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que expón a Axenda 2030 de Nacións Unidas para protexer o planeta
  • Participaron de xeito presencial un total de 210 rapaces e rapazas de 37 centros educativos diferentes e 90 proxectos procedentes de centros educativos de toda Galicia, ademais de Cataluña, Madrid e o País Vasco
  • O delegado territorial destacou a contribución de Galiciencia para “cultivar entre os máis novos a innovación, a creatividade, a orixinalidade”, plantando unha semente de curiosidade e contribuíndo a espertar vocacións científicas e emprendedoras entre os nenos e nenas galegos

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na clausura de Galiciencia, onde  manifestou que “esta feira científica é unha mostra de como este evento está contribuíndo a que Tecnópole consolide o seu posicionamento no eido da divulgación, da ciencia e da innovación”.

“Xuntos apostamos por inculcar a curiosidade, o emprendemento e a creatividade nos máis novos como vía para cimentar o futuro de Galicia no coñecemento e a na innovación”, subliñou o delegado territorial, e engadiu “esa imaxinación e creatividade son os ingredientes para crear unha nova xeración de científicos, enxeñeiros, investigadores e inventores galego”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén destacou a contribución de Galiciencia para “cultivar entre os máis novos a innovación, a creatividade, a orixinalidade”, plantando unha semente de curiosidade e contribuíndo a espertar vocacións científicas e emprendedoras entre os nenos e nenas galegos.

Galiciencia é a maior feira científica que se celebra en Galicia, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación; e co patrocinio da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación).

Logo de dous anos realizándose en formato online debido á pandemia, regresou en 2022 de xeito presencial (aínda que tamén se puido participar de maneira online). Esta 17ª edición celebrouse os días 11, 12 e 13 de maio coa temática da economía circular como fío condutor, en consonancia co esforzo de Tecnópole de aliñarse cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que expón a Axenda 2030 de Nacións Unidas para protexer o planeta.

Nesta edición participaron de xeito presencial un total de 210 rapaces e rapazas de 37 centros educativos diferentes. Por provincias, de Pontevedra hai 12, da Coruña 10, de Ourense 8 e de Lugo 4; e, de fóra de Galicia, están representadas (cun centro cada unha) Biscaia, Madrid e Barcelona. Asistiron á feira con visitas organizadas,  unhas 1600 persoas, tanto docentes como alumnos de 40 centros de toda Galicia. 

Nesta edición participaron un total 90 proxectos procedentes de centros educativos de toda Galicia, ademais de Cataluña, Madrid e o País Vasco. De maneira presencial concorreron 50 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP -que foron os que competiron polo premio final- e 20 de Primaria. De xeito online participaron 17 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP e tres de Educación Primaria. As diferentes actividades aglutinaron este ano a un total de 2874 participantes.

Durante estes tres días os equipos seleccionados para amosar os seus traballos científicos en Galiciencia expuxéronnos nos stands da feira. Explicaron as súas propostas ao público visitante, ensinándolles os seus prototipos, experimentos e resultados.

Ademais do concurso de proxectos, como cada ano, a feira complementouse con actividades que buscaban achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. Así, desenvolveronse talleres científicos, espectáculos de ciencia e concursos diversos.